Pouco se fala de que este ano os mafiosos dos italianos gañaron Eurovisión e a Eurocopa. Di ti que non foron os pailáns dos franceses. E que polo menos teñen comida rica, non coma os ingleses.
A pasta é a comida do estudante por antonomasia: rápida, rica e alimenta ben. Mais probablemente nunca imaxinaches que facer a túa pasta sería case tan sinxelo coma ir mercala!
Ingredientes:
- Por cada 100g de fariña, un ovo
Elaboración:
- Mesturamos a fariña co ovo e amasamos.
- Envolvémolo con plástico film.
- Deixámolo repousar na neveira por unhas horas (pode quedar a noite toda).
- Coa axuda dun rolete, aplanamos e estiramos até deixalo MOI finiño (importante enfariñar ben a mesa e o rolete, mesmo recomendaría levantar a masa á metade do proceso e volver enfariñar).
- Agora cortamos coa forma que queiramos. Se queremos láminas estreitas e longas, podemos enroscar ou dobrar a pasta para ir máis rápido (pero logo hai que desdobrar cada tira).
- Chegados a este punto podemos cociñala xa (pasta fresca) ou deixala pendurada dunha barra por 2-3h para que seque (pasta seca). Sexa como for, faina no día!
Non esquezas…
Que non precisas un equipo profesional para facer pasta (a menos que non teñas paciencia). Eu troceeina coa axuda dun cortador de pizza e unha regra metálica longa, pero tamén podes probar a atar varios coitelos e cortar tiras simultaneamente. E se che sobra, unha vez metina un par de días no conxelador e sobreviviu. Aquí non se tira nada!