Solombo Wellington

Os ingleses teñen un grande sentido do humor. Tan grande que de feito rin tres veces cada vez que lles contan un chiste: a primeira vez ao ouvilo, a segunda cando llo explican e a terceira cando o entenden.

Este prato semella ben complicado, máis só precisa algo de paciencia e amor. E de seguro deixas a todos abraiados se te atreves con el!

Ingredientes:

  • 1 solombo de porco grande (no Lidl véndenos en parellas e a bo prezo)
  • 1 prancha de follado rectangular
  • 150 gr de champiñóns
  • 50 gr de castañas
  • 1 cebola
  • 1 lata de paté (uns 200 gr)
  • 10-12 liscos finos de xamón serrano
  • Unhas ramiñas de romeu fresco ou seco (opcional)
  • 1 cullerada de mostaza.
  • 1 ovo.
  • Aceite de oliva, pementa negra e sal.

Elaboración:

  1. Poñemos unha tixola a lume medio-alto cun chisco de aceite.  Salpimentamos o solombo e, cando a frixideira estea quente, dourámolo por todos os lados para que quede selado e non escape os zumes do interior. Ten paciencia, deixa que doure sen movelo moito.
  2. Picamos finiño os champiñóns lavados, a cebola e as castañas peladas (o máis fácil é facerlles un corte no ancho e ao microondas +-30 segundos).
  3. Prequecemos o forno a 200ºC.
  4. Na tixola que xa empregamos, botamos un chisco de aceite e sal e o que acabamos de picar. Cociñamos a lume medio-suave por 10 minutos removendo de cando en vez. Engadimos pementa e o romeu.
  5. Cando a mestura estea cociñada, sacámola do lume e xuntámola co paté.

Agora imos montar solombo Wellington.

  1. Colocamos o follado nunha bandexa de forno con papel e extendemos a mestura sobre el. Cubrindo todo poñemos o xamón.
  2. Untamos o solombo coa mostaza e deitámolo no centro do follado.
  3. Para envolvelo chega levantar o papel e volcar un e outro lado do follado sobre a carne, pechando despois as puntas cos dedos.
  4. Por último, pintamos con ovo batido e introducímolo no forno a altura media sen a resistencia de arriba.
  5. O tempo de cocción depende do forno e o grosor da peza, pero unha boa referencia é sacalo cando o follado estea ben dourado (30 minutos aprox). Como vedes, na foto paseime un pouco, e quedou moi feito (probablemente esquecín que estaba ao forno).

Non esquezas…

Que se non tes os ingredientes exactos non pasa nada! A primeira vez que o cociñei non tiña setas nin castañas (e esquecín a mostaza e o paté). No lugar destas, botei un pouco de tomate seco que tiña na casa, uns dátiles picados e unhas pasas, que lle deron un toque doce. Tamén podes usar outros froitos secos no lugar das castañas se non é tempo delas.

Deixar un comentario