Navallas á Prancha

Hoxe traio un prato típico do barrio de Vite: navallas. É broma, alí non consomen cousas tan sas, só se drogan. Agora en serio, coñezo a xente de aló que é simpática, así que esta publicación vai na súa memoria.

Esta é unha receita tan rápida e sinxela que parece mentira que poda estar tan boa. Ademais é barata e con poucos ingredientes! Vai un vídeo de bonus ao final do meu referente culinario: Arguiñano.

Ingredientes:

  • Navallas
  • Un limón
  • Perexil (salsa)
  • 2-3 dentes de allo
  • Aceite de oliva

Elaboración:

  1. O primeiriño é sacarlle as areas ou desbabar (a non ser que che guste o toque crocante que lles dá). Para iso debemos metelas verticais nun recipiente alto e cubrilas de auga fría con abondoso sal. Deberemos deixalas así un par de horiñas, cambiando a auga 3 veces ou por aí. O sentido axeitado é co sifón cara arriba e a lingua cara abaixo (coidado que poden cuspir). Para rematar aprétaas no centro para que acaben de expulsar a auga e restos que lles queden.
  2. Preparamos a salsa picando ben o allo e o perexil, que mesturamos co zume do limón e un toque de aceite.
  3. Poñemos a prancha ou similar ao lume cun pouco de aceite que logo limparemos cun papel. Cando estea quente poñemos as navallas, sazonámolas lixeiramente (opcional) e en 2 minutos están no seu punto.
  4. Cando estean listas sacámolas e botámoslle a cada unha unha culleradiña da salsiña.

Non esquezas que…

O zume que soltan as navallas tamén se pode aproveitar para darlles un toque especial, botándollo por riba ou mesmo mesturando coa salsa antes de empregala.

Deixar un comentario