3 Xeitos de Preparar Avea

, ,

Sabiades que estas gramíneas con sementes alongadas, que se lanzan e quedan enganchadas na roupa, son avea brava (avea bouba)? O que aprende un cando ten un blogue de comida. Ah, e non comades esa avea, case mellor.

Nesta publicación vou recoller 3 xeitos ben sinxelos de preparar os flocos de avea, un alimento cun alto valor enerxético, ideal para almorzar e ter forzas para o resto da mañá.

PAPAS DE AVEA NO MICROONDAS

Ingredientes:

  • Flocos de avea
  • Leite (normalmente eu emprego leite de avea)

Elaboración:

  1. Nunha cunca ou caneca cubrimos un terzo da mesma coa avea e logo enchémola co leite.
  2. Agora hai que poñela uns 3 minutos no microondas, até que comece a subir. Por iso debes estar moi atento (e recomendo poñer debaixo un prato, por se non o paras a tempo). Podes remexelo de vez en cando (ou non).
  3. Por último só resta deixalo enfriar un chisco, cando menos se non queres queimar a lingua!
AVEA CON IOGUR

Ingredientes:

  • Flocos de avea
  • Un iogur rico
  • Zume de mazá (ou outra froita que penses que lle poda quedar ben) a poder ser natural ou recén licuado.
  • Uns froitos secos e uns arandos/amoras/gaxos de mandarina

Elaboración:

  1. Nunha cunca grande botamos o iogur. Aos poucos imos vertendo o zume, e imos remexendo até que quede algo solto (pero non moi líquido).
  2. Engadimos a avea, pero non toda xunta: deixamos un terzo que engadiremos máis tarde para que teña diferentes texturas. Remexemos ben. Os froitos secos podemos mesturalos tamén ou poñelos por riba, coma a froita.
  3. Se estamos motivados podemos torrar unhas láminas de améndoa na tixola e darlle un toque crocante ao asunto.
PAPAS DE AVEA CLÁSICAS

Ingredientes:

  • Flocos de avea (coma un terzo ou dous quintos de caneca por persoa)
  • Auga (o triplo)
  • Sal

Elaboración:

  1. Cocemos a avea coa auga e un chisco de sal nunha pota. Cando ferva baixamos o lume e cociñamos por uns 10-15 minutos, remexendo de cando en vez. Ao rematarmos pódeselle engadir fantasía variada: leite, mel, cacao en polvo, manteiga… Pero creo que ninguén mellor para amosárvolo ca Jamie Oliver.

Non esquezas que…

A avea dá para moito máis do que podes imaxinar. Se non me cres, deixo un par de ligazóns a algunha receita que aínda non probei a facer: esta é unha e esta a outra.

Deixar un comentario