Vai un venezolano vendendo arepas e di:
+ ¡Arepas y arepitas, arepas y arepitas!
E un tipo ao velo pregúntalle:
– Oiga, ¿Cuánto valen las arepas?
+ Cien bolívares
– ¿Y las arepitas?
+ Cien bolivaritos
Eu só espero que se valore o esforzo que fixen en non meter chistes racistas nin chistes sobre que en Venezuela non se come. Ou chistes sobre as desgracias que viven alí en xeral.
As arepas son un prato extendido por toda latinoamérica, pero decote vencellado a Venezuela. Aliás, é sinxelo e divertido de facer, así que eu espero que vos guste tanto como a min 🙂
Ingredientes (para 8 arepas):
- 500g de fariña de millo branco/amarelo precocido
- 750ml de auga morna
- 1.5 culleradas de aceite/manteiga
- Un chisco de sal
Ingredientes para o recheo (Reina Pepiada):
- 1 peituga de polo asada (ou cocida)
- 2 aguacates
- Media cebola morada
- un dente de allo
- Coandro ou perixel
- Maionesa
- Zume dun limón
Elaboración:
- Xuntamos o sal (opcional, pois o importante é o que leve o recheo) coa fariña e o aceite. Imos engandindo a auga gradualmente, mentres remexemos ben coas mans. Antes de dar forma ás arepas, deixámola repousar 10 minutiños, tapada.
- A masa debe quedar lixeiramente húmida: Se ao facer as arepas está moi crebadiza (os bordes agretan e cuartean) fáltalle auga. Se polo contrario queda moi solta e pegañenta, falta fariña.
- Coas mans molladas facemos unha bóla cun cacho de masa e aplastámola coa palma da man.
- Para cociñalas pódense facer fritidas ou á prancha. Eu prefiro a segunda opción, pois fritilas significa mergullalas en aceite, coma patacas fritidas, que é máis latoso e menos san (pero máis rápido). Con 4 minutos por cada cara debería chegar, e podes facer varias á vez. Só controla que non se che queimen.
- Teñen que dourar lixeiramente, quedando crocantes por fóra e máis ou menos esponxosas por dentro.
Elaboración do recheo:
- Desfiuzamos ben o polo, machacamos o aguacate e picamos moi moi finiño a cebola, o allo e o coandro.
- Mesturamos todo, salpimentamos e botamos o zume de limón. Engadimos a maionesa que consideremos e remexemos ben, até ter a consistencia desexada.
- Agora só queda abrir as arepas cun coitelo (sen separalas por completo) e enchelas ben!
Non esquezas…
Hai mil e un recheos, dende só cun bo queixo, a feixóns, e incluso recheos doces!
Déixoche aquí unha lista cuns cantos 🙂