A que se parece medio tortellini? Ao outro medio.
Facer pasta rechea parece a cousa máis complicada do mudo pero non o é. Se fas coma min e non te vés moi arriba co recheo, podes facelo axiña e sen moito esforzo. E dende logo está mil veces mellor ca a precociñada do supermercado!
Ingredientes:
- 100-150g de Fariña por persoa
- 1 ovo por cada 100g
- Recheo (aproximadamente a mesma cantidade ou máis ca de pasta)
Elaboración:
- Comezamos mesturando ovo e fariña moi ben, e logo amasando un pouco. Antes de estirala deixámola repousar polo menos media hora na neveira, envolta en film.
- Nunha superficie ampla, estendemos a masa coa axuda dun rolete. Debe quedar moi fina (de termos unha máquina destas para facer láminas de pasta podemos empregala tamén).
- Cortamos en discos duns 8cm de diámetro.
- Para que pegue mellor a pasta, humedecemos o bordo (ou podemos usar un pulverizador para humedecer o disco enteiro).
- Despois, poñemos recheo dentro do recortado e dobramos coma facendo unha empanadilla. Apretamos moi ben os cantos, para que logo non escape nada.
- Por último dobramos xuntando as 2 puntas e volvemos presionar.
- Para cociñar só é preciso botalos en auga con sal fervendo, e cociñalos por uns 15 minutos ou menos a lume medio.
Non esquezas…
Hai miles de posibles recheos, dende os máis básicos e efectivos coma gorgonzola con noces, pasando polas espinacas con ricota e ata unha boa cabaza ou boniato doces. Ademais, como toda pasta, unha rica salsa nunca lle vai facer mal.