Había unha vez un home que tiña unha paixón fóra do común polas xudías, malia ter estas certo efecto explosivo nel. Por iso, cando coñeceu ao amor da súa vida, tomou a dura decisión de deixar atrás todo tipo de legumes, pois non quería espantala. E cando quedou claro que ían casar e ter unha vida xuntos, preferiu seguir coa súa resolución, para non facer imposible a convivencia. Casaron e foron vivir a unha linda casiña no campo.
Un día, cando estaba regresando en coche ao fogar, este avariouse e quedou tirado no medio da nada. Chamou entón á súa muller para avisala de que chegaría tarde, pois tería que ir andando. Cando ía de camiño, pasando por diante dun furancho, un arrecendo a xudías recén feitas, case o fai desfalecer. E como aínda lle quedaban varios quilómetros, resolveu que podía darse un pequeno gusto e xa lle irían baixando os efectos ao andar. Así que entrou, pediu 3 boas racións de xudías, e peidou todo o traxecto ata a casa. Cando finalmente chegou, xa se sentía moito mellor.
A muller estábao agardando toda ilusionada na porta: “Amor, téñoche unha sorpresa para a cea, vaiche encantar!”. Tapoulle os ollos cun pano e levouno da man até a súa cadeira na cabeceira da mesa, facéndolle xurar que non intentaría mirar por baixo da tea.
Nese momento, comezou a sentir como se lle retorcía o intestino e como se achegaba outro peido. Mais xusto cando a muller lle ía desvendar os ollos, soou o teléfono. E após volver facerlle prometer que non sacaría o pano, correu a atender a chamada.
O home viu entón a súa oportunidade e non podía deixala pasar. Apoiou o seu peso nunha das cachas, ergueu un chisco a outra e deixouno saír. Non só soou ben alto, senón que ademais aquilo parecía podre. Custáballe respirar aquel aire tóxico, así que coa axuda da servilleta, axitou o aire, co fin de dispersar o cheiro horrible.
Comezaba a sentirse mellor cando regresou o apretón. Tiña que facelo. Non podía quedar con iso dentro. Ergueu a perna e PRRRRAPAPAPAPÁ. Soou coma un motor trucado petardeando ao saír do semáforo, e o cheiro era aínda peor. Para non vomitar, comezou a axitar os brazos desesperado, intentando espallar e disipar o olor e respirar un pouco de aire fresco. E nese intre, o peido gañador saiu disparado. Retumbou nas paredes, abaneou as fiestras e os pratos tinguilearon. As plantas da casa murcharon en canto aquel fedor a morte as atinxiu.
Así e todo, o seu corpo pedía máis. Cunha orella posta na chamada e mantendo a promesa de non sacar a tea que lle cubría os ollos, seguiu liberando os mortos todos da súa liñaxe, mentres axitaba os brazos para intentar disimular aquel cheirume que nin o Prestige. Por 10 minutos, contribuíu ao quecemento climático coma ningunha persoa ou corporación fixera ata ese día.
Cando oiu como se despedía da chamada a súa muller, pousou elegantemente a servilleta nas pernas e apoiou os brazos na mesa. Sorrindo coma un anxo, era realmente a imaxe da inocencia cando entrou ela no comedor. Despois de xurar pola súa vida que non mirara por baixo da venda, quitoulla mentres berraba eufórica: Sorpresa!!!
E alí, sentados arredor da mesa (que extenderan para a ocasión), estaban os seus amigos e familiares, que acudiran á súa festa sorpresa de aniversario.
Creo que chegados a este punto, xa sodes conscientes de que o importante nesta receita foi o chiste. O resto pouca explicación precisa, pero, como escribo primeiro as receitas e logo as bromas, pois aí queda :).
Ingredientes:
- Xudías
- Ovos
- Xamón
- Cenorias, Boniato…
Elaboración:
- Limpamos as xudías e cortámoslles as puntas, podémolas partir á metade se son longas, e até hai xente que as trocea máis, pero na miña casa cómense enteiras.
- Pelamos e troceamos en cachos grandes as cenorias, o boniato ou o que lle botemos.
- Nunha ola a presión, metemos as verduras, cubrimos con auga, salpimentamos e a cocer. Cando comece a facer ruidiño, cocemos 5 minutiños máis e apagamos o lume. Se non temos diso, pois nunha pota normal ata que estean feitas.
- Mentres se fai a verdura, cocemos os ovos (10 minutos en auga fervendo cun chorro de vinagre) e nunha tixola podemos tamén sofritir un pouco xamón serrano, que lle vai quedar marabilloso.
- Cando os ovos estean listos, pasámolos por auga fría para poder pelalos sen queimarnos e unha vez descascados, xuntámolos coas verduras no prato e botamos por riba o xamón co aceitiño que sobrase ou soltase a propia graxa do mesmo.