Arroz Doce

– Quanto é o cafezinho?
– 2 reais.
– E o açúcar?
– O açúcar a gente não cobra.
– Então pode me dar 2 quilos, por favor?

Esta receita é coma o arroz con leite pero mellor, porque é portuguesa. E que hai mellor ca Portugal? Probablemente nada. O Brasil está aí aí, pero como aínda non estiven aló…

Ingredientes:

  • 300ml de auga (1 caneca de Abel Caballero ata arriba)
  • 150ml de arroz carolino (media caneca)
  • 2 pedazos de casca de limón (ben fina, sen a parte branca)
  • 1 pau de canela grande ou 2 pequenos
  • Un chisco de sal
  • 1/2 culler de sopa de manteiga
  • 750ml de leite
  • 2 xemas de ovo
  • 125g de azucre branco (podedes usar un chisco menos)
  • Canela en pó para decorar

Elaboración:

  1. Comezamos xuntando as xemas e o azucre e batendo ben cunha vara de arames até obter unha especie de crema esbrancuxada. Reservámola.
  2. Quentamos o leite ata que ferva, deixándoo logo no mínimo para mantelo ben quente.
  3. Nunha pota maior, colocamos a auga ao lume co limón, a canela e un chisco de sal. Cando rompa a ferver, engadimos o arroz.
  4. En lume brando, deixamos que o arroz absorva case toda a auga, remexendo ocasionalmente. Chegados a ese punto, botamos a manteiga e removemos ben, envolvéndoo todo.
  5. Agora iremos xuntando o leite aos poucos, deixando sempre que o arroz o absorva case por completo antes de engadir máis. Sempre movendo lentamente e en movementos circulares, co lume brando e comprobando que non se pega. Cando o leite todo estea absorvido, apagamos o lume.
  6. Retiramos a canela e o limón. Botamos o ovo e o azucre, envolvendo moi ben, e levamos todo ao lume até ferver un pouco.
  7. Por último colocamos todo en cunquiñas ou en tarros de cristal, deixamos arrefecer e decoramos con canela en pó.

Unha opinión sobre “Arroz Doce

Deixar un comentario