Rosquillas de Antroido

Chega a semana de Antroido, e un dos días, os rapaces teñen que ir disfrazados de verdura á clase. Entón aparece Xoel cunha flor no cu. A profesora, perplexa, pregunta:
– De que ves disfrazado, Xoel?
– De culiflor!

Bueno, esta é a versión básica, pero hai miles de versións, coma os melindres estes que están cubertos dunha capa de azucre cristalizado: ñom. Pero o día que os fixen só tiña unha hora, así que non me puiden poñer moi creativo. A receita é sorprendentemente sinxela e rápida. Ao final da publicación deixo un par de fotos de lugares onde comín estas delicias.

Na foto só saen 3 porque esquecín sacarlles foto antes, pero rende para unhas cantas (40 ou así).

Ingredientes:

  • 500g de fariña
  • 2 ovos 
  • 90ml de leite
  • 80 g de manteiga derretida
  • 10ml de anís
  • 80g de azucre
  • 1 sobre de fermento en po
  • Reladura dun limón (e se queres dunha laranxa)
  • Aceite de oliva suave
  • Azucre para decorar

Elaboración:

  1. Poñemos os ovos nun bol co azucre e bates enérxicamente (bates ti, que eu se non quedo canso de tanto bater). Logo engadimos a manteiga derretida, o leite, o anís e volvemos bater.
  2. Peneiramos a fariña e imos engadíndoa aos poucos, removendo cun batedor ou unha espátula.
  3. Trasladamos a masa ao mesado e amasámola ben para que quede uniforme (podemos facelo no bol se é grande abonda).
  4. Hai xente que fai as rosquillas facendo boliñas do tamaño dunha noz e atravesándoas co dedo. Pero eu penso que o máis sinxelo é facer pequenos churros e unir os dous extremos. Para que non se abran, hai que apretar ben a unión, e podes mesmo retorcela un chisco. Non teñen que ser churros moi grosos pois van medrar.
  5. É hora de poñer a tixola ao lume con aceite bastante quente pero non demasiado. De cantidade máis ou menos ata a metade dunha rosquilla deitada, ou algo máis. Imos fritindo as rosquillas polos 2 lados con coidado de que non se queimen.
  6. A medida que imos fritíndoas, imos dando forma á seguinte tanda. Non é necesario telas todas listas para fritir antes de comezar.
  7. Imos sacándoas a medida que se fan, colocándoas sobre papel absorvente. O último sería botarlles azucre por riba. Eu desta vez non o fixen porque me gustan así, menos doces e máis limpas.

Non esquezas que…

Podes comelas soas, que están moi boas, pero son bastante secas e fanse un pouco bóla na boca. Por iso, con leite sempre mellor!

Unha opinión sobre “Rosquillas de Antroido

Deixar un comentario