– Doctor, dóeme o fígado.
+ A ver, saque a lingua.
– Pero se o que me doe é o fígado!
+ Pois logo saca o fígado e déixateme de lerias!
Nesta páxina tedes chistes de fígados tan hilarantes que non fun quen de escoller un.
Xa ía sendo hora de pechar o arco de receitas vexetarianas neste blogue. Ou será? Non podería ser vexetariano o fígado? Ao igual que os ovos ou o leite animal, vaia. Explícome, o fígado é un órgano que se pode rexenerar por completo aínda que lle saques un cacho. Entón, mediante unha operación mínimamente invasiva e intentando que o animal non sufrise en absoluto, podería obterse un cacho de fígado e sería vexetariano, non? Teoricamente falando podería ser un produto animal que non implicase mancar ao animal. Dá que pensar…
Tamén quero comentar que cando busquei en google Fígado Encebolado, o primeiro que me aparecía eran receitas brasileiras. Outra vez o apaixonante mundo da lusofonía sorprendéndonos cando menos o esperamos.
Ingredientes (para 2):
- 400g de fígado (ou medio quilo se estades con fame)
- 1 cebola
- O zume de medio limón
- Un chorro de viño branco
- Allo
- Aceite
- Sal e pementa
Elaboración:
- Tras limpar o fígado e secalo ben, salpimentamos os filetes de fígado e botamos por riba allo picado.
- Nunha tixola a lume medio refogamos a cebola cortada en tiras por uns 10 minutos.
- Reservamos a cebola e na tixola douramos o fígado (en 2 tandas se é moito). Isto máis ou menos 5 minutos, pero é cousa rápida, pois se o cociñamos moito pode ficar duro.
- Reincorporamos a cebola e botamos o viño e o limón, deixando que evapore o alcohol. Dependendo de se queremos que quede con máis salsiña ou menos, poderiamos botar máis viño ou medio vasiño de auga ou de caldo. E tamén controlar canto o reducimos.
- Só quedaría servilo co acompañamento da nosa preferencia (patacas cocidas, patacas asadas, puré de patacas…).
Non esquezas que…
Esta receita ten un millón de variacións. Dende os detalles máis sutís a cambios que a desfiguran completamente. Así que síntete libre de non seguir a miña receita, pois eu tampouco o fixen. Por exemplo podes picar un pouco xenxibre xunto co allo. Ou usar vinho do Porto…
De bonus déixovos esta receita só polo xeito de expresarse que ten a persoa que a redactou, co que me sentín un tanto identificado, pois plasmou os pensamentos que lle pasaban pola cabeza ao escribila.
Encántame ler as túas receitas polo humor que lles pos, ademais do gorentosas que resultan …
GústameGústame