Vai un cura correndo porque o persegue un león cando, de súpeto, decide axeonllarse e berra, suplicando:
– Señor, por favor, pídoche que este león se volva cristiano.
Entón, milagrosamente, o animal detén a súa carreira, axeónllase xunto a el e pronuncia:
– Señor, bendice estes alimentos que vou consumir.
Despois de ler 7 páxinas web con chistes terribles de andaluces, lembrei que hai ano e medio estiven en Lepe, e que ese sitio está en Andalucía. Xa me dispoñía eu a mergullarme entre os “100 mejores chistes de Lepe” cando atopei esta xoia. Non sei que ten que ver con Andalucía, pero se Google o di, será por algo.
Feliz Día de Andalucía! Pois si, coincidindo coa festividade desa enorme comunidade autónoma, decidín coller un prato típico de aló para destrozalo ao meu xeito! Hai que recoñecer que aínda que ten cousas malas, coma os andaluces, tamén ten cousas boas. Supoño. Imaxino.
A receita orixinal leva picatostes para decorar. Que preguiza. Logo usan ese aceite para torrar levemente anís, e, despois de coalo, é o que empregan coa fariña. Non me encanta o anís, así que tamén o quitei. O que queda entón é unha combinación deliciosa entre dúas comidas que me encantan: arroz con leite e bechamel.
Ingredientes:
- 100g de fariña de trigo
- 90mL de aceite de oliva suave
- 1L de leite (desnatado se non che gusta comer a tona que sae ao fervelo, hai xente moi rara neste mundo, polo que aprendín)
- 100g de azucre branco
- Un chisco de sal
- 1 rama de canela
- 1 pedazo de pela de limón
Elaboración:
- Poñemos a quecer nun cazo o leite, a monda de limón e a ramiña de canela. Deixámolo a lume medio até que ferva, coidando que non reborde. Mantémolo fervendo por 5 minutos, pasado ese tempo retirámolo e sacamos o limón e a canela.
- Nunha pota quentamos o aceite e douramos a fariña por medio minuto, removendo cunhas varas. Se se queima ou se torra demasiado mellor repetide este paso que é rápido, e logo non sabe tan ben como podería. Non que me pasase eeh!
- Imos engadindo o leite aos poucos mentres remexemos e vai espesando. Como logo ao arrefecer vai densificar máis, convén deixala un chisco máis solta.
- Agora xuntamos o sal e o azucre, mesturando ben tódolos ingredientes.
- O último paso é deixalas arrefriar un par de horas na neveira. Logo podemos servilas cun chisco de canela en pó ou un pouco mel.
Non esquezas que…
Como xa é tradición neste blogue, se a receita é de outro lugar está completamente permitido (e altamente recomendado) modificala a pracer. Desfigurala por completo até que ninguén poda recoñecela. Salvo polo nome, que debemos mantelo igual, para deixar as nosas intencións ben claras.
Algún posible cambio, podería ser probar outras fariñas, algunha libre de glute para os celíacos. De feito, documentándome para esta publicación, descubrín que aquí, na Galiza, as papas tamén son un prato tradicional, que se pode facer con diferentes cereais. Xa probarei e xa teredes o texto correspondente.
Se por exemplo sodes veganos, podedes pensalo mellor.
Por último, moitas grazas a Natalia por ternos invitado á celebración do día de Andalucía e ternos preparado esta delicia (entre outras) e ternos amosado un pedazo da súa cultura. Se cadra Andalucía ten algunha cousa boa ao final.
Unha opinión sobre “Papas Andaluzas”