Escribindo esta publicación lembrei eses veráns da infancia na praia, comendo nectarinas moi maduras e pringando todas as mans. Pero non pasaba nada, porque logo só tiña que ir até o mar para limpar aquela desfeita. Hoxe apeteceume compartir esta lembranza en vez do chiste, non todo pode ser comedia.
Seguinte. Non sei quen lle chama dese xeito, pero eu non. Así que a partir deste punto vou deixar de empregar a N-word, e chamar as cousas polo seu nome: peladillos.
Esta receita é fácil e rápida, e se che gustan os flans vaiche encantar. A min como non me prestan moito, pois sen máis. Pero xa que a fixen, pois agora compártoa, por se acaso. Se o problema é o peladillo podes usar outras froitas (orixinalmente creo que se usan cereixas) e seguidamente consultar algún psicólogo.
Jope, que agresiva me quedou esta introdución. Agora que o penso moitas teñen ese toque pasivo-agresivo ao inicio, deixando ben claro que non me importa a opinión dos demais. Se cadra é un xeito de anticiparme á crítica e protexerme dela. Uf, demasiada introspección. O caso é que normalmente co chiste contrarresto un pouco o ton pesimista, así que vou deixar un curtiño agora, que me sinto mal deixándovos só coa parte escura da introdución:
Un policía detén un condutor por saltar un semáforo en vermello:
-Desculpe señor axente, é que son daltónico.
-Vostede pensa que eu son parvo? Vaime facer crer que en Daltonia non hai semáforos ou que?
Ingredientes:
- 4 ou 5 peladillos
- 50g de azucre
- 240ml de leite
- 240ml de tona
- 4 ovos e dúas xemas (como me daba preguiza eu usei 5 ovos)
- 1 culleradiña de esencia de vainilla
- 2 culleres de sopa de fariña
- Un chisco de sal
Elaboración:
- Lavamos e cortamos os peladillos en medias lúas. Despois prequecemos o forno a 180ºC.
- Nun bol xuntamos o azucre, o leite, a tona, os ovos, as xemas, a vainilla, a fariña peneirada e o sal e mesturamos todo ben cunha batedeira de arames.
- Seguidamente, untamos con manteiga un molde para o forno e dispoñemos no seu interior máis da metade dos peladillos.
- Agora deitamos a crema por riba e finalizamos cos restantes peladillos.
- Por último, levamos ao forno durante 45 minutos ou até que estea cocida.
Chiste bonus:
-Son un paraguaio e viñen aquí para matarche!
+Para que???
-Paraguaio.