O Salmón do Papai

-Camareiro, o salmón vén só?
-Non ho, tráiocho eu!

Que si, que vale, que xa sabedes facer salmón, que é moi sinxelo. Pero é que en primeiro lugar: dáme igual. En segundo lugar hai moi poucas receitas con peixe no blogue, así que é a excusa perfecta.

E en terceiro, esta é unha desas receitas testimoniais, por así chamalas. Igual que a das patacas cocidas. Son pratos que todos saben facer, pero que quero recoller como os prepara unha persoa en concreto. É máis ben un documento para que fique rexistrado ese xeito único ou diferente de cociñar. Ou porque contén unha historia por detrás que o fai especial (especial para min, se a vos non vos resulta especial xa sabedes que a min iso non me importa). Vamos, outra publicación máis na que o relevante é a introdución.

Este era o xeito en que meu pai lle preparaba o salmón a miña nai cando aínda eran dous estudantes morando e namorando en Lugo. Non sei se romántico ou non, pero eu non teño queixa, que sen eles non existía eu. Así que menos laios e ide todos darlle as grazas a meus pais por me enxendrar e me criar tan ben ♥.

[18/04/2023] Papai: É unha receita premium de estudante, xa que aínda o eramos.

Ingredientes:

  • Toros de salmón (1 por persoa)
  • Aceite de oliva
  • Sal maldon
  • Pementa
  • Eneldo

Elaboración:

  1. O primeiro é poñer o salmón en aceite con eneldo e pementa durante unhas horas.
  2. Despois sacámolo, escorrémolo, poñémolo nunha tixola ou prancha ben quente e, dependendo do grosor, facémolo uns 3 min por cada lado, volteándoo unha soa vez. Que quede ben marcado pero ao punto no interior. Ademais, se leva pel vai quedar crocante.
  3. Para finalizar, retirámolo e engadímoslle o sal e algo de eneldo, a poder ser fresco.

E si, se lestes até aquí, se cadra caeredes en que a foto non se corresponde coa receita. Pero é que entre que o salmón está caro e non o merco a miúdo, que o aceite tampouco está barato e que non tiña eneldo en casa… Era esa foto ou non publicar a receita hehe.

“Perdóname Padre, porque he pescado” – Finlay “Fin” Shepard. Sharknado 5. 2017

Deixar un comentario