– Mamá, mamá, podes darme unha galleta?
– Neniño, telas enriba da neveira.
– Pero mamá, non teño brazos…
– Pois se non hai brazos, non hai galletas!
Non sei ti, pero eu non coñezo moitas receitas con tan poucos ingredientes, tan sinxelas e tan marabillosas en xeral. Ademais, duran un montón (se as gardades nunha caixiña ou tarro, en vez de nun prato no voso cuarto) e podes comelas en calquera momento.
Esta é a versión máis básica, logo tamén podes facelas con sabor a limón ou laranxa, pero eu diría que esa é outra receita completamente diferente. Polo cal non vou dar máis datos aquí, e nalgún momento indeterminado, se cadra, publicarei esa elaboración totalmente distinta.
Ingredientes:
- 1 vaso de nata para montar (desta con moita graxa, ~35%)
- 1 vaso de azucre
- 3 vasos (aprox.) de fariña
- 1 chisco de sal
Elaboración:
- Nun bol poñemos o vaso de nata, 1 vaso de azucre e remexemos todo ben. Engadimos 3 vasos de fariña, pouco a pouco e mesturamos todo. Os 2 primeiros podemos botalos de vez, e mesturar cunhas varas. Logo recomendo usar unha man para ir integrando e amasando a fariña restante aos poucos.
- Se vemos que a masa está moi branda e pegañenta, engadimos un pouco máis de fariña. Amasamos ben ata que se desprenda das mans e deixamos repousar a masa no frigorífico durante media hora. É dicir, non te pases botando fariña extra, é normal que pegue un chisco, só precisas ila amasando.
- Logo de repousala, seguimos traballándoa e dobrando até que quede elástica e se desprenda das mans. A continuación, estiramos a masa ben finiña e cortámola, co mesmo vaso que empregamos para medir a fariña. Se duvidas se están finas abondo, é que non o están. Mellor facelas finas de máis que de menos (tampouco te pases).
- Despois cocémolas a 180°C uns 15-20 minutos. A min quedáronme completamente brancas por riba porque, o forno de gas de 100 anos do piso en Caparica, non deixaba outra opción: ou brancas por riba ou negras por baixo. Pero se non vos quedan exactamente igual non pasa nada, o importa é o sabor!
- Por último retirámolas e deixámolas arrefriar nunha reixa. Unha vez frías, gardámolas nunha caixa, onde se conservarán por un par de semanas.
Fasme unhas para Nadal? Ou imos á túa casa e as facemos xuntiños 😉
GústameGústame
Si e Si (por favor 👉🏻👈🏻)
GústameGústame