Polo á Soia e Mel do Daniel

Sabes onde podes atopar un polo sen patas? No mesmo lugar onde o deixaches.

Con esta publicación, dou inicio á serie de Receitas dos Meus Amigos, que irán alternando de xeito aleatorio coas miñas propias. Paréceme perfecto comezar con esta porque capta exactamente a idea que inicialmente tiven: elaboracións propias da etapa estudantil, froito das mentes máis brillantes e preguiceiras que existen. E como Dani ben dixo: “Esta é a receita para un polo de gimbro, deseñada en Praga e moi universitaria”.

Nesta serie, xunto ao chiste e os parágrafos de introdución, é probable que tamén inclúa algunhas palabras bonitas sobre a persoa, ou algunha lembranza que partillemos. Pido disculpas pola tremenda cantidade de texto que pode resultar disto. Pero non tedes que lelo todo, podedes saltar o que vos apeteza. Pois ben:

Daniel meteuse en psicoloxía para autodiagnosticarse e curarse. E agora que está rematando, deuse conta de que, como psicólogo, non debería facer iso. Así que ten pinta de que vai seguir igual de tolo. Menos mal.

Lembro o día que cheguei a Praga a visitalo no seu Erasmus. Levaba un día longo de viaxe: primeiro un avión de París a Turín (que se retrasara e case me fai perder a conexión) e logo outro á República Checa. Dani veu recollerme ao aeroporto e levoume para a residencia. Alí tiña agardando para cear un tremendo manxar. Se cadra foi porque viña de sobrevivir á comida en Francia, ou polo longo día. Sexa como for, aquel foi o polo máis delicioso que probei na miña vida. Grazallas ♥.

A receita en si, non ten moita ciencia, como debe ser. Como moito diría que o aguacate sobra un pouco. Sobra se o tes que mercar, vaia, porque está carísimo. Se o supermercado ten caixas automáticas onde podes pesalo coma patacas, entón, combina de marabilla co prato. Tamén lin nalgures que non se debería gardar o arroz cociñado por máis dun día, pero se Dani sobreviviu un ano así, tan malo non ha ser. Eu non me fago responsable, pero: O que non mata, engorda.

Ingredientes:

  • Peituga de polo
  • Arroz
  • Brécol
  • Aguacate
  • Mel
  • Salsa de Soia
  • Sal
  • Allo moído

Elaboración:

  1. Troceamos en cadradiños o polo, botámolo nun bol e enriba botamos sal e allo moído (ou pementa branca, dependendo do que teña Dani na alacena). Botas un pouco de salsa de soia, remexes, un pouco mel e volves remexer. Deixas marinar aí un anaco (isto poden ser 5 minutos se vas con présa, tampouco pasa nada).
  2. Isto bótalo nunha tixola, a lume medio-alto, e daslle voltiñas até que estea dourado, case queimado e xa está. Polo feito.
  3. Agora poñemos a ferver auga nunha pota, e cando ferva botas sal e o arroz, coma se fose pasta: “Es mi forma especial de hacer arroz“. Nin o lavas antes nin mides a auga. Botas moita auga e o arroz que ti vexas. Vas probando o arroz de vez en cando e, en canto estea (sobre 12 minutos), escórrelo, cun escoadoiro ou o que queiras. E xa está o arroz tamén.
  4. Con esa mesma pota, ou outra se tes máis e se tes máis lumes (a forma realmente universitaria é na mesma) volves poñer auga a ferver. Cando entre en fervura, botas sal e metes brécol troceado.
  5. E mentres iso se fai, cortas un aguacate en cadradiños ou o que máis che preste. Eu (el) cortaba en 8: á metade e logo en 4 cada metade.
  6. Por último colles 20.000 tuppers (porque fixeches vinte e mil quilos de polo) e botas: polo en medio tupper, arroz no outro medio, e tiras o brécol e o aguacate ao lixo [isto é broma, pero escoitando o audio de Dani por un momento pensei que o ía dicir, porque na miña cabeza o tupper xa estaba cheo adhajshdgjah].
  7. Agora en serio, pos o brécol enriba do arroz e aguacate enriba do polo. Agardas a que arrefríe e gárdalo na neveira. E cando queiras comer: sacas, remexes todo e pa’ dentro!
Aquí de puro chill nalgún monte asturiano. Agosto do 2023

2 pensamentos sobre “Polo á Soia e Mel do Daniel

Deixar un comentario