– Xa non me escoitas cando che falo, Maruxa.
– O que che apeteza, cariño. Unha tortilla ou o que che veña ben, tampouco teño moita fame.
Tranquilos, miolo o do pan, non o que a xente adoita ter na cabeza. Aínda que se cadra tampouco sabe mal o outro, quen sabe… Ah si, e se a foto ten unha pinta algo extraña é porque usei como 4 claras e unha xema, que o resto foi para facer arroz doce.
Esta é outra desas receitas que case teñen máis valor sentimental ca culinario. Desas comidas reconfortantes (confort food en grego), que che lembran á túa infancia e che transportan a un lugar mellor. Que che retrotraen a unha época na que eras feliz dun xeito máis sinxelo, máis puro. Na miña cabeza aínda teño o recordo dalgunha noite de inverno, vendo a meus pais preparar isto e logo cealo coa maior das ledicias.
Busquei por internet e non atopei nada exactamente igual, só unha versión duns franciscanos, pero que é salgada e mollando e fritindo o pan antes. E a tortilla de Sacromonte, que é unha tortilla de miolos, pero dos do carneiro.
Así que decidín preguntar á familia, e descubrín que xa a miña bisavoa lla preparaba á miña tía cando a ía visitar a Celeiro. Logo pasou á miña avoa, despois á miña nai. E así foi evolucionando até o día de hoxe.
É bonito rexistrar isto e saber que non se vai perder.
Ingredientes:
- Ovos a gusto do lambón
- Pan con moita migalla
- Sucre e/ou canela
- Aceite
- Opcional: leite, pau de canela, pela de limón
Elaboración:
- Comezamos por bater os ovos e botar o miolo do pan até que quede parecido a cando preparas unha tortilla de pataca.
- Botamos a masa resultante nunha tixola cun pouco aceite até que vaia callando o ovo (sen esquecer darlle a volta).
- Retiramos, emplatamos e esparexemos o sucre e/ou canela por riba.
- Versión Opcional: cubrir a tortilla con leite tépedo, despois de telo deixado ferver cunha ramiña de canela, unhas cascas de limón e un chisco de sucre. E se lle pos cúrcuma ao leite, falo dourado, por que non?
Encántame ler as túas receitas e lembrar esos momentos contigo, cariño
GústameGústame