Pastéis de Nata

– Tedes Pastéis de nata?
– Xusto acaban de saír!
– Vaia, e cando volven?

A verdade é que non papei moitas natas este ano (para estar en Lisboa). Só cando me viña visitar algún amigo, que aproveitaba e comía con eles. Mais lembro un día, que fun a busca-lo paraugas que deixara Malena no CCB en Belem, e decidín coller dúas. Unha porque tiña fame, e a outra porque non tiña esperanza de que seguise aló un mes máis tarde, así que sería a miña consolación. Finalmente resultou si estar, así que foi o pastel da victoria!

Sabiades que os Pastéis de Belem e os de Pastéis de Nata son o mesmo? É só que os primeiros son os que se preparan nunha pastelaría cos dereitos do nome, e o resto non lle poden chamar así. Eles terán a receita orixinal centenaria, pero non adoitan gañar o premio á mellor nata, dá que pensar.

Aínda que parece moi complicado de facer, non o é para nada. É certo que sempre quedará mellor se facedes vós a masa follada, pero se non vos apetece, a mercada queda ben tamén. E a de Casa Tarradellas, polo menos, dá exacta para facer 12 cortes de 2.5cm. E o pack de moldes do Continente traía 12 tamén. Todo perfecto para a proporción da receita que mellor pinta me tiña! Se isto non é sorte…

Ingredientes (10-12 uds):

  • 250g de Leite enteiro
  • 150g de Azucre
  • 75g de Auga
  • 30g de fariña
  • 4 xemas
  • 1 pau de canela
  • 3 ou 4 tiras de casca de limón
  • Uns 300g de masa follada (un paquete da mercada, se non a queredes facer)

Elaboración:

  1. Comezamos levando ao lume o azucre e a auga, removendo antes para disolve-lo azucre e non volvendo a mexer mentres está ao lume. Deixámolo ferver por uns 3 minutos.
  2. Mentres, disolvémo-la fariña cun pouco de leite frío e remexemos moi ben ata ter unha pastiña/crema sen grumos.
  3. Levámo-lo restante leite coa canela e a casca de limón (sen a parte branca) ao lume, até comezar a querer ferver. Nese momento, retirámo-lo limón e a canela e xuntámo-lo leite á mestura de fariña pouco a pouco. Volvémolo poñer todo ao lume, removendo sempre ata que espese.
  4. Botamos agora en fío o almibre (non precisa arrefecer) á crema de leite, revolvendo sempre cunha vara de arames para que non se formen grumos.
  5. Deixamos arrefriar cerca de 10 minutos e mesturamos un chisco deste coas xemas, para evitar un choque de temperatura. Xuntamos despois todo e remexemos ben, para incorpora-las xemas. Podemos pasalo por um escoadoiro para desfacer calquera grumo que se puidese ter formado (opcional).
  6. A masa follada estirarémola nun rectángulo con cerca de 18-20cm por 33-35cm, se é caseira. Se non, pois simplemente abrímo-lo rolo de masa. Humedecémola lixeiramente cunhas pingas de auga e enrolámolo (sen o papel por medio, por se fai falla dicilo).
  7. Cortamos rodas con cerca de 2-2.5cm de grosor. Colocámolas de pé nos moldes e, coa axuda do polgar mollado en auga, premendo cara abaixo e cara os lados, imos abrindo a masa ata cubrir todo o molde por dentro. Mentres, podemos ir prequecendo o forno á máxima temperatura posible por uns 20 minutos. Aínda non o probei, pero creo que era bo enmanteiga-los moldes. Nas receitas que lin non o dicía, pero quedaron un chisco pegados.
  8. Antes de enchelos, levámolos ao frigorífico cerca de 10 minutos.
  9. Botamos agora a crema até 3/4 da capacidade dos moldes e levámolos ao forno durante cerca de 10-12 minutos. Ata que quede masa dourada e crocante e o recheo cremoso e cun aspecto torrado na superficie.

Non esquezas que…

O mellor xeito de comelas é recén feitas (déixaas enfriar 10 minutos antes para non queimarte coma min). Quentiñas son o mellor que hai, así que asegúrate de facelas rodeado dos teus amigos, para que non sobre ningunha. Ah, e un chisco de canela por riba é algo obrigado!

Aquí tedes unhas fotos graciosas de eu moi concentrado facendo os meus primeiros pastéis de nata.

Deixar un comentario