O Ragù do Lorenzo

O fillo do carabiniero:
– Papá, por que toda a xente fai bromas connosco? Xa estou farto de que rían dos carabinieri na escola!
– Éche o que hai, fillo. É a nosa cruz. Pero é que entre os carabinieri hai algúns que teñen a cabeza un pouco dura (e mentres di isto, dá un par de veces co puño na cabeza).
– Papá, chaman á porta!
– Quieto fillo, que xa abro eu!

Lorenzo Dimángelo Dimanopoulos, Dima para os amigos, é un dos poucos italianos bos que hai. Foi por iso que decidín poñer un chiste que se metese só coa policía italiana e non con tódolos italianos. Ademais de ser unha persoa marabillosa, o home fala unha chea de linguas, incluíndo o espanhol e o português, así que falar con el era bastante divertido, porque podía ir saltando entre idiomas. E non só: cociña que mete medo. Unha mágoa que non teña un blogue de receitas, tería moito máis fácil atopar bo material (non lle roubaría só ao Comidista, vaia).

A verdade é que non ten moita ciencia esta receita, e é a base de outros moitos pratos (lasaña, boloñesa, arancine…), só tendo que axusta-lo tempo que coces en función da consistencia que desexes. Para o caldo, pódelo usar mercado, facelo no momento, ou empregar só auga morna, como ti vexas. Eu recomendo facelo, pois non leva nada. A vez que o fixen con Lorenzo, debeu de estar cociñando 3 horas ou máis. Non podedes imaxina-lo delicioso que estaba aquelo, con aquel sabor todo concentrado e intenso, buf.

Ingredientes:

  • Apio
  • Cenoria
  • Cebola (a cantidade de verduras depende de canto ragù vas facer)
  • Viño tinto
  • 700g de carne de vaca
  • 300g de porco (podes usar salchicha fresca)
  • 1 lata de salsa de tomate ou tomate triturado

Elaboración:

  1. Se decidimos facer nós o caldo para o ragù, poñemos auga a ferver con cebola, cenoria e apio troceadas en cachos grandes.
  2. Comezamos pelando e sofrixindo as verduras, deixándoas cociñar ben.
  3. Depois xuntámo-la carne e cociñamos até que fique ben seca.
  4. Botámo-lo viño e, cando non cheire máis a alcohol, botámo-lo caldo e o tomate.
  5. Dependendo de como de denso ou seco queiramos que quede, deixamos cocer por máis ou menos tempo, a lume baixo e podendo estar aí varias horas (remexendo de vez en cando).

Non temos moitas fotos xuntos, ou polo menos só os dous, e tampouco nun monte exactamente, pero vaia, serve. Esta é da excursión que fixemos a Coimbra, que bos tempos aqueles!

Nalgún lugar do Reitorado, no cumio dun monte, en Coimbra. Novembro do 2023.

2 pensamentos sobre “O Ragù do Lorenzo

Deixar un comentario