Un mozo italiano chega bébedo á casa, e cando abre a porta e ve reflectida a súa imaxe no espello da entrada, sae correndo para chamar aos carabinieri:
– Veñan axiña, que hai un ladrón na miña casa!
Un deles acompáñao á súa casa, abre a porta sixilosamente e dille ao dono:
-Boh! Non te preocupes, xa hai un carabiniero dentro!
Pois si, os italianos son o peor, pero os cabróns cociñan ben. Bombardeen Italia. Lendo sobre esta receita, descubrín que hai unha teoría dun historiador sobre a súa orixe. Non sei se o entendín ben, porque estaba en italiano e deume preguiza traducilo (e lelo enteiro). Pero segundo este señor, a invención estaría ligada ao entroido e o seu ambiente festivo, onde a alguén lle pareceu chistoso facer un doce con forma fálica recheo de crema de ricota. Uns inmaduros estes italianos, en fin.
A receita en si complicada non é, aínda que poda parecelo por ter bastantes ingredientes e pasos. Pero realmente é facer unha masa bastante sinxela, deixala repousar, e logo estendela ben finiña, recortala e fritila. E o recheo faise en 2 minutos. E ademais de fácil, está deliciosa. A masa fritida lembroume un chisco ás nosas Orellas do entroido, pero un chisco máis aromáticas.
Se queredes poñervos creativos, porque, por exemplo, vai se-la sobremesa da cea anual que preparades cos vosos amigos ao acaba-lo ano. Esa cea super elegante e exclusiva na que preparades uns pratos verdadeiramente exquisitos e gozades dunha compañía aínda máis excepcional. Entón podedes experimentar co recheo. Eu fixen unha mousse de pistacho e chocolate branco que mimadriña, que rica estaba!
Ingredientes da masa:
- 250g de Fariña 00 (na Espanha de W80 a W100, fariña de repostería)
- 30g de Azucre
- 30g de Strutto (manteiga de porco)
- 1 Ovo pequeno (e unha xema para pechar os tubiños)
- 50ml de Marsala (un viño fortificado italiano que podedes substituír por un Porto, un Madeira ou até por viño branco cun chorriño de Brandy)
- 10ml de Vinagre (de viño branco)
- Un chisco de Sal
- Reladura de pel de Laranxa
- 2g de Canela en pó
- Aceite para fritir
- Tubos de metal. Eu atopei uns en Santiago a bo prezo, pero se non queredes mercar/pedirmos prestados, hai titoriais en internet de como facelos con papel de forno ou albal. A min o de meter o papel a fritir non me parece a mellor idea, hei de dicir.
Ingredientes do recheo:
- 800g de ricotta
- 320g de azucre en pó (e un chisco máis para botarlle por riba aos cannoli)
- Podes decorar logo con pistacho picado, chocolate, laranxa confitada, canela…
Elaboración:
- Peneirámo-la fariña e canela nunha cunca. Xuntámo-la manteiga e imos mesturando coa punta dos dedos. Engadímo-lo azucre e a pel de laranxa ralada.
- Mesturámo-lo ovo e seguimos amasando. Botámo-lo sal disolto no vinagre e o Marsala.
- Despois de amasar ben, tendo unha masa consistente e estástica, metémola no frigorífico durante, polo menos, 2 horas, e como máximo 12.
- Estendemos un terzo da masa de cada vez, cunha laminadora ou rolo, acadando un grosor de 1,5 mm. Cortamos discos de 10 cm de diámetro, e, ao collelos, estirámolos lixeiramente para formar un óvalo. Eu como tiña pouco espazo na cociña e nada dese tamaño para cortalos, acabei collendo boliñas de masa do tamaño dunha noz pequena e estirándoas. Era máis fácil deixalo fino e uniforme, pero se cadra menos óptimo. Tamén hai xente que directamente corta en rectángulo, e tamén vale.

- Agora poñemos cada pedazo ao redor dun tubo metálico, usando unha pinguiña de xema para pega-los dous lados. Parece unha parvada, pero realmente déixaos ben pegados e fai que non se abra ao fritilos. Creo que nas imaxes que vira poñíana no outro extremo do pedazo de masa (o esquerdo na foto), pero eu íao facendo aleatoriamente e tamén funcionaba hehe.

- O seguinte é mergulla-los cannoli en aceite a 175°C, co selo cara abaixo. Se non os fritimos directamente, cubrímo-los listos con papel film, evitando que seque a superficie, xa que isto comprometería o desenvolvemento das características burbullas durante a cocción.

- Nuns segundos, en canto douren, retirámolos e poñémolos en papel absorbente. Canto máis enfríen, máis custa retira-los tubos, así que sacádeos en canto sexa posible (pero sen queimarse (demasiado)).
- Para o recheo, escorremos ben a ricota, sacándolle o soro que poda ter. Despois, batémola por un minuto cunha batedora eléctrica, incorporando o azucre en pó aos poucos.
- Por último, e só antes de servilos, enchémo-los cannoli axudándonos dunha manga pasteleira/bolsa de plastico/espátula ou o que atopemos. E esparexémoslles un pouco azucre en pó por riba.
Eis a receita que usei eu, tá ben, así con fotiños e iso. E estes son uns que enchín con coa mousse de pistacho:

Dou fe de erratas estaban realmente ricos!! 😋😋😋
GústameGústame