Que é o mellor que podes comer cun polbo? Se realmente queres facelo feliz: levao á pizzería. Encántalles a comida italiana!
Nunca preparara polbo na miña vida. E non por que non me gustase, pero é que está carísimo! Porén, este ano atopei métodos alternativos de financiamento, e xa o tomei un par de veces. Que feliz me fixo poder comelo e poder compartilo con amigos.
Xa só polo recendo que enche a cociña ao fervelo merece a pena. Foi cheirar esa delicia, e de súpeto, estaba na cociña da miña avoa, quen sempre me preparaba un pratiño sen picante para min.
A receita en si é facil e rápida: ferver, cocer 20 minutos, repousar 20 minutos e listo! Antes había que maza-lo polbo para abranda-las súas febras. Agora, coa invención do refrixerador, xa non é necesario gasta-las forzas niso. Se non o mercastes xa conxelado, basta metelo ao conxelador ata unha semana antes. E se sodes alérxicos aos produtos de orixe animal, tedes unha boa alternativa vegana: shitake á feira.
E lembrade! NON SE PODE COMER CON AUGA! Se non bebedes viño, pois un vaso de leite coma os nenos. Xa sei que é un mito o de que vaia inchar na barriga, pero aínda así, paréceme unha tradición que debemos manter. Se non, un comeza coméndoo con auga e remata servíndoo coas patacas por baixo e chamándolle “Octopus into the Party” ou “Powder to Fair”.
Ingredientes:
- Un polbo
- Pimentón doce e picante
- Sal groso
- Aceite de oliva (AOVE se non sabes falar como a xente normal)
Elaboración:
- Comezamos poñendo auga a ferver nunha pota grande abondo para coce-lo polbo. Se imos facer patacas para acompañar, poñemos ao lume outra ola máis.
- Mentres quenta, limpámo-los tentáculos: que non quede suciedade nas ventosas. Limpamos tamén as patacas. Podemos cocelas así enteiras coa pel, e facer uns ricos cachelos.
- Antes de ferve-lo polbo, hai que asustalo: normalmente basta con pedirlle que realize unha resta levando ou unha multiplicación sinxela, pois os polbos téñenlle pánico á aritmética básica. Se preferides un método máis tradicional, pasade ao paso 4.
- Agarrámo-lo animal pola cabeza e somerxémolo e sacámolo da auga 3 veces. Con cada chapuzón, veredes como se lle enrolan os tentáculos. Despois de aterrorizalo, introducímolo enteiro na pota, coidando que quede cuberto pola auga (pero por pouco, se botas demasiada auga tarda máis en cocer).
- Fervémolo durante 20 minutos, e, pasado ese tempo, deixámolo repousar na auga por outros 20 minutos. Estes tempos poden variar un chisco dependendo do tamaño do cefalópodo. E se cocemos varios á vez, seica se fan máis rápido. Sexa como sexa, o importante é que non quede brando de todo. Que haxa que mastigar para comelo, vaia.
- Coa axuda dunhas tesoiras, cortámolo en pedazos do tamaño axeitado, que é o de toda a vida, non preguntedes medidas. Máis anchos na parte do extremo do tentáculo e algo máis finos cara a base. A cachola tamén se come eh, non tiredes nada.
- O tradicional é servilo en prato de madeira, que se mergulla antes na auga do polbo para que non chupe logo o delicioso aceite. A madeira, ademais, axuda a mante-la temperatura. Esta é a teoría, logo ninguén ten diso na casa, non vos preocupedes.
- Terminamos esparexendo pimentón picante e/ou doce por riba (bastante pero non demasiado, o protagonista é o polbo), sal groso e unha cantidade xenerosa de aceite de oliva.
Non esquezas que…
Outra parte indispensable deste manxar é ter un bo pan. Para poder mollalo nese aceite con pimentón e auga do polbo que queda no fondo do prato. ÑOM!
Se queres un prato cunhas propiedades similares ao de madeira en canto a illamento térmico, pero moito máis fácil de limpar e manter, consegue un de plástico. No 100 Montaditos usan uns que teñen a mesma forma que os de madeira, ademáis. Parece que fosen deseñados para este fin!
Ese polbo sen pimentón picante para o neto Artur… ❤️
GústameGústame