Os meus compañeiros de traballo sonche ben rariños. Levan un tempo poñéndolles nomes á comida que hai na neveira. Hoxe, por exemplo, papei un iogur que se chamaba “Xoán”.
Non sei se isto é unha receita, porque tampouco sei se lle chamaría cociñar á elaboración de iogur. Pero últimamente sinto que este blogue tampouco é só sobre receitas. Ao final é máis ben un reflexo da miña persoa a través da comida que estou consumindo en cada momento.
Así que, agora que teño (tiven) tempo libre, deume por explorar novas cousas. Entre elas, o iogur. Primeiro probei a facelo sen axuda dunha máquina e despois con iogurteira, que, obviamente, é máis fácil. E que dicir! obviamente está moito mellor o caseiro ca o do súper. Ademais, non é o único argumento a favor: producilo sae máis barato ca mercalo e reduces a cantidade de residuos.
Se non me credes, este é o custo de facer un quilo de iogur na casa: supoñendo unha iogurteira coma a miña (14W) durante 10h (máis que de sobra) son 140 Wh = 0.14 kWh. Tomando o prezo medio da electricidade en España no 2023, o gasto son 0.14 kWh * 0.1823 €/kWh = 0.0255€ (nin 3 céntimos). Se collemos un leite enteiro de calidade ou leite fresco, o litro anda entre 1€ – 1.30€. O iogur de larsa natural custa 0.37€ a unidade.
É dicir, 1 Kg de iogur sairía por 1.70€ fronte a 2.65€ que custaría mercalo. Un euro enteiro! E se me dicides que sodes uns ratas e, coma min, non mercades Larsa. A marca branca do Día (0.20€ a unidade) sae a 1.60€ o quilo no súper. Se somos xustos e empregamos ese mesmo iogur para produci-lo noso e usamos leite de baixa calidade, podemos reducir custos a 1.10€. Vaia, que, sae a conto sempre! E estamos falando do prezo de produci-la primeira remesa, porque despois poderás usa-lo teu iogur para seguilo xerando (non eternamente, pois as bacterias tampouco son inmortais).
É certo que non eliminas o residuo ao completo, pois vas seguir ter que mercando polo menos o leite. Cando era pequeno lembro unha máquina na Praza de Abastos onde podías levar unha botella de cristal e enchela de leite, iso si que molaba. Sexa como sexa, só polas posibilidades, a calidade e o aforro, eu creo que merece a pena.
Ingredientes e Ferramentas:
- 1L de leite enteiro ou leite fresco
- 1 iogur natural
- Iogurteira cos seus tarriños OU tarros de vidro, pota e termómetro
Elaboración:
- Se tes iogurteira é bastante sinxelo. Primeiro eu lería as instrucións, por se acaso, pero se cadra non trae. Comezamos remexendo ben o iogur e logo mesturámolo co leite nun recipiente grande abondo (ou nun cazo). Repartímolo nos tarriños e deixámolos na máquina, sen poñérlle-la tapa (a deles, a da máquina hai que poñela), durante polo menos 8-9 horas.
- Se non tes iogurteira, comezamos quentando o leite ata os 45 ºC (morno, que podas meter o dedo sen que queime, se non tes termómetro). Disolvemos ben o iogur e poñémolo nalgún lugar onde manteña a calor o máximo tempo posible: nun termo; en tarros grandes dentro dunha ola morna e cuberta con mantas; perto da calefacción; no forno coa calor residual; combinando varias destas… E deixamos así por máis de 8h.
- Unha vez listo, tapámo-los botes e refrixeramos antes de consumir. Aguanta arredor dunha semana, pero é bastante probable que o remates antes.
Consellos:
- Se queres reduci-lo tempo na iogurteira, podes face-lo paso de quenta-lo leite antes. Pero ten en conta que usa-la vitrocerámica durante media hora ten un consumo duns 0.20€, así que o prezo non o reduces, ao contrario (1h de iogurteira son 0.002€). Supoño que o que si podes facer é apaga-la máquina media/unha hora antes e deixar que siga o proceso coa calor residual.
- Para que calle ben, non móva-los tarros en todo o proceso! E, obviamente, non pode pasar dos 45 graos, ou máta-las bacterias encargadas de fermenta-lo leite.
- Se deixas moito tempo o iogur, claro que espesa máis, pero tamén se fai máis acedo. Pensa que na neveira tamén vai gañar algo de consistencia.
- Con leite fresco vai mellor que só co leite enteiro, pero os dous funcionan. E claro que canto mellor calidade teñan os ingredientes, mellor estará o resultado.
- O meu consello é que intentedes conseguir algunha iogurteira. Son moi fáciles de atopar de segunda man, e moi moi baratas. Descubrín que había unhas “Iogurteiras Ecolóxicas” portuguesas, uns sacos con cortiza que reteñen moi ben a calor. Sinceramente, a idea soa moi guai, pero non compensa en ningún sentido. O problema de non usa-la iogurteira é que tes que quencer o leite antes, o cal, se usas electricidade, consume entre 5 e 10 veces máis que usa-la máquina durante 10h. Vamos, que complica e encarece o proceso, non aforras electricidade como predican e custan entre 2 e 5 veces máis que a iogurteira.
- Podes facer iogures de sabores se o que empregas de partida ten sabor de seu! Ou engadir algún outro ingrediente para tal fin. Como ves, infinitas posibilidades.
STORY TIME! (a hora do conto, para os que non faledes italiano).
Creo que produci-lo meu propio iogur é un paso que non sorprende a ninguén que estea seguindo o meu novo arco de personaxe: rapaz ecolóxico e sostible que tampouco quere gastar moitos cartos.
E para os que non o esteades seguindo, porque ás veces esquezo falar coa xente, resúmovos un chisco as miñas últimas tolerías (sen ningunha orde concreta): merquei unha bici por 50€ para ir ao cole e á praia (non ten freos dianteiros, un residuo menos); levo uns meses a xermolar sementes varias para comelas; intentei facer papel reciclado (saiu a medias, hai que volver intentalo); prantei algunha aromática e uns allos no balcón (tamén quería ir facelo ao cemiterio, a ver se me cadra); e ata me unín ao proxecto de compostaxe comunitaria do concelho da Almada!
O caso é que estivera buscando iogurteiras de segunda man durante unha semana en Wallapop, Olx e CashConverters. Un pouco por curiosidade. E, finalmente, na Feira da Ladra, atopei a iogurteira máis marroneira e en peores condicións de Portugal. E dixen: es mi momento.
Eu non son moito de regatear, que son algo tímido. Pero creo que a miña cara tampouco disimulou que 10€ era moi caro para aquela quincalla. Así que non precisei case falar para mercar unha preciosa iogurteira por 7€. Uns días despois decidín que chegara o momento de ver se aquela reliquia funcionaba (se non, espero que a xitana admitise devolucións). Limpeina a conciencia, desinfecteina e xa parecía outra máquina.
A verdade é que a maioría destes aparellos son super simples. É claro que os hai máis complexos, onde podes regula-la temperatura e o tempo para obter diferentes resultados. Nesta só hai que enchufala e, cando remate, desenchufala. Parecía funcionar, así que, á 1:30 da mañá, ao volver da cea de benvida dos Erasmus, dixen: agora ou nunca. Coloqueina nun lugar no que me parecía que, se comezaba a arder, non queimaría toda a casa, e fun durmir.
E ao día seguinte… Tiña iogur!
Outros chistes de Iogur, porque eran moi bos:
Un día morre o papa Francisco e chega ás Portas do Ceo. Deus mesmo vai recollelo e guíao até a súa propia nube, onde o deixa.
Francisco ten a súa propia arpa e emprega o seu tempo en louvar ao señor. Despois dunhas horas aparece de novo Deus levando unha bandexa de prata cun iogur enriba e unha culler. Isto repítese durante varios días.
Unha noite, as nubes debaixo abren un chisco e permiten que vexa o inferno: ve aos diaños facendo grandes lumes e asando porcos e ata vacas enteiras. Están a repartir viño e todo o mundo está a gozar cun festín sen igual.
Ao día seguinte vén Deus de novo cun iogur. Francisco non aguanta a curiosidade, dille a Deus o que viu e pregúntalle: “Señor, na túa omnipotencia, como pode ser que eles estean de festa no inferno e eu só teño iogur?”
Deus respóndelle: “De verdade agardas que cociñe só para nós dous?”
“Yogurt”
Gurt: yooo
Cal é o iogur favorito dos esqueletes? Actibia.