– Xurxiño, cando é o mellor momento para recolle-las mazás?
– Cando o dono da leira non está!
Volvín! Despois dun verán no que non acouguei, agora que xa comezou o curso, por fin teño unha excusa para retomar este blogue: non estudar. Non sei se terei moito tempo como para darlle a continuidade que lograra durante o último ano, xa se verá. Polo de agora iso, que sigo vivo!
Pois ben, se xa resulta gratificante comer algo elaborado por ti, é aínda mellor cando o ingrediente principal che sae gratis! E se non tedes maceiras, nin amigos ou veciños que lles sobren, ou fincas onde roubar; non vos preocupedes:
Están de volta As Marmeladas do Artur! Chegou ese momento do ano en que vendo marmeladas aos meus amigos para financiar este blogue, ou polo menos unha parte del. Así que se non queredes quedar sen a vosa, pedídemas axiña, que voan!
Ingredientes:
- Mazás (eu usei 4kg e rendeu entre 3,75 e 4 litros)
- Azucre: o 50% do peso das mazás unha vez peladas. Pode reducirse ao 40-45% ou aumentarse, pero lembra que actúa como conservante.
- O zume de 1 limón por cada quilo de mazás
- Opcional: Paus de canela, canela en pó
Elaboración:
- O primeiro é lavar, pelar, descorazonar e trocear tódalas mazás. Se vos pasa coma min e vos dan 5kg de mazás pequenas: moito ánimo. E se non queredes tira-las peladuras, podedes facer Xalea de Mazá con elas (receita dispoñible próximamente, se a precisades antes, pedídema).
- Unha vez peladas, pesámolas para saber cando azucre usar, que adoita se-lo 50% do seu peso. Tamén aproveitamos para espreme-los limóns necesarios.
- Nunha pota grande abondo, xuntamos agora tódolos ingredientes e levámolo a lume medio (tranquilos, xa soltan auga as mazás, non se vos van queimar por non llela botar). De tódolos xeitos, hai que ir remexendo de vez en cando. Cando comece a ferver, baixamos un pouco o lume.
- Deixamos cocer até que a mazá abrande, removendo cada certo tempo. Isto pode levar entre media e unha hora, depende da mazá, a cociña, as cantidades… Máis ou menos até que se faga puré só con premela cun garfo. Ou ata atanguer “o Ponto” (imaxe ao final da receita). Se vos gusta ben finiña podedes triturala, eu, como son algo preguiceiro, non o fago.
- O último paso é envasar. Dependendo da cantidade que fixeras e de como de rápido comas mermelada, hai diferentes métodos para conservala: Gardala en quente (consumir antes de 6 meses) ou tratala térmicamente (uns 2 anos). Hai 3 anos, a última vez que fixen marmelada, dixen: consultade a publicación que farei ao respecto. Nunca a cheguei a facer, a ver se desta vez…

