– Meu, ao final atopei traballo!
– Que ben! Onde?
– En Santiago.
– Home, iso supoñía, pero de que?
– De Compostela!
A verdade é que esta non é unha receita moi complicada. Parece que ten moitos pasos, pero moitos son opcionais. De feito, se a reducísemos ao mínimo, podería facerse con só 3 ingredientes. Pero tampouco lle fai mal engadirlle algún outro para darlle algo máis de sabor, sempre que non esquezamos que o principal debe se-la améndoa.
Ingredientes:
- 250 g de améndoa crúa variedade Marcona, xa moída ou enteira e pelada
- 5 ovos grandes (L – XL)
- 250 g de azucre branco
- A reladura da pel de 1/2 limón (só o amarelo)
- 1/2 culler pequea de canela (uns 5g)
- Un pouco de manteiga sen sal para o molde
- 1/2 chopiño de augardente ou do licor que máis che preste (opcional)
- 50 g de azucre glass para adorna-la torta
Elaboración:
- Se moémo-la améndoa nunha picadora, mellor facelo en dúas quendas, para obter dúas gramaxes diferentes: unha moi moída, case fariña, e a outra un pouco máis grosa, para que se note ao comer.
- Colocámo-la améndoa moída no forno a uns 120ºC durante uns 10 minutos. Deste xeito conseguimos que a améndoa solte os seus aceites e aromas, á vez que desaparece parte da humidade que adoita te-la améndoa crúa. Tamén podemos facelo nunha tixola, torrándoa a temperatura baixa. Este paso é opcional se xa a mercamos moída.
- Mentras a améndoa está torrando, engadimos nun bol o azucre e os ovos. Batemos todo ben até que branqueen un chisco. Reservamos.
- Lavámo-lo limón, secamos e relámo-la metade do mesmo. Pode ser algo menos se é moi aromático ou se, por exemplo, mercámo-la améndoa hai un ano e xa non sabe tanto. Xuntamos á mestura do ovo: a reladura, e, se queredes: medio chopo (25 mL) do licor que máis vos guste (por exemplo, augardente de herbas) e media culleriña de canela.
- Deixamos que arrefríe a améndoa e cando estea morna, engadímo-la crema de ovo aromatizada. Integramos ben cunha espátula, sen chegar a bater. Só remexendo os ingredientes para que a améndoa se xunte ben co ovo.
- Prequecémo-lo forno a 180ºC (arriba, abaixo e aire).
- Pintámo-lo molde desmontable coa manteiga e vertémo-la masa. Introducímo-la torta no forno a 180ºC durante 35 minutos, até que a superficie estea ben dourada. Os últimos 10 minutos cubrimos cun pedazo de papel de aluminio, para que non se queime. Estes tempos non son exactos, nalgúns fornos a torta estará en 40 minutos e noutros necesitará menos. É ir probando cun garfo ou cun escarvadentes ata que saia limpo.
- Cando estea ben forneada, sacámola e deixamos que arrefeza (non sexades uns impacientes coma min). Uns dez minutos despois diso, desmoldamos, poñemos un modelo dunha cruz de Santiago (ou de calquera outro elemento pagán) e adornamos con azucre en pó (tedes un patrón nesta ligazón). O truco é peneira-lo azucre sobre a torta, cun escoadoiro, movéndoo con pequenos golpes de pulso.
- Xa só queda retira-la figura e enche-lo bandullo! Aínda que se téde-la paciencia suficiente, seguro que mañá estará máis rica.