Sardiñas

Despois de tanto frío xa tardaba este verán
E invaden a terriña eses turistas alemáns
Mollando a sardiña nun cacho de pan
Que aquí non se pide paella, paspán.

Vas ao mercado e ves unhas sardiñas ben fresquiñas, pero recordas que non tes como facelas á grella (por non ter, non tes nin finca). Mais non hai problema!

Facer sardiñas na tixola sempre é unha boa opción, porén, non vou facer unha receita sobre iso, pois sería: colles sardiñas, botas sal e a fritilas. No lugar diso, aquí tedes…

5 CONSELLOS PARA FACER UNHAS SARDIÑAS DE MEDO

  1. O primeiro de todo é a materia prima! É importante o mes: ata xuño non soen ter graxa, e a calidade volve baixar dende setembro. Os mellores días son o martes, xoves e sábado, nunca, nunca un luns. Para saber se están ben frescas, deben estar tesas, curvas, co ollo transparente… No mercado, se ten moita cola, ten bo peixe (e nunca merques no Mercadona).
  2. Se son considerablemente grandes, mellor que vaian limpas, sen tripa (asadas tanto ten). Se son medianas, non sobra.
  3. Non esquezas salgalas antes, mellor con sal de Aveiro ca do Himalaia, pois non se levan ben coas alturas.
  4. Para fritilas non fai falla aceite excesivo, pero si que a tixola estea ben quente, a lume máximo.
  5. Fainas uns 2-3 minutos por cada lado, xirando só unha vez para non quebralas. E pon a campá extractora a tope e abre ben as ventás!

Non esquezas…

Que non hai que poñerse creativo creativo: para acompañar uns cachelos (cocidos ou asados) e broa de millo, nada máis.

Deixar un comentario