+Manolo, que fas?
-Aquí, pescando.
+E que usas de cebo?
-Pementos de Padrón!
+E van ben?
-Pois…
Probablemente non atopes esta receita moi útil pero… Alguén che preguntou? Ah, pensei. Así que deixa de ir de sabichón e goza desta sinxela e rápida receita. Ideal para completar o menú cando non fixeches (ou non queda) comida abondo.
Ingredientes:
- Pementos de Padrón (non de Marrocos)
- Aceite
- Sal gordo
Elaboración:
(Hai xente que lle corta os rabos, pois ao fritir non dan bo sabor. Pero sabes que? Tampouco se nota tanto, e perdes o pracer de comelos colléndoos por aí)
- Lavamos os pementos e secámolos MOI ben (ou non, pero non me fago responsable).
- Poñemos abundante aceite nunha tixola ou pota.
- Cando estea moi quente, baixamos o lume un pouco e botamos un feixe de pementos.
- Ímolos xirando de cando en vez para que se fagan ben.
- Cando estean listos (máis escuriños e coa pel un pouco despegada) retiramos cunha espumadeira e poñemos sobre papel absorvente.
- Rematamos con abundante sal (si, bótase agora, non antes).
Non esquezas…
Que hai que comelos recén feitos, así que non deixes ningún. E se por algunha razón quedan, podes usalos para un pisto ou unha empanada!