Aarón é un rapaz que estuda cine. Aarón é unha persoa que non se conforma con nada. Por iso, el sabe que non vai rematar traballando de camareiro: Aarón sabe que ten un posto asegurado na cociña.
Esta receita, se ben é longa, merece a pena. É ideal para levar a rodaxes, e que todos che digan o ben que che saiu. Ademais, enche moito máis do que parece!
Ingredientes para a Masa:
- 300g de fariña (e logo a ollo)
- 100cl de auga
- 100cl de aceite
- Sal
- 6g de lévedo (ou 12g se fose fresco)
- A xema dun ovo
Ingredientes para o Recheo:
- 1 Cebola grande
- 1 Pemento vermello grande
- 1 Cenoria grande
- 2 ovos duros
- 2-3 latas de mexillóns
- Aceite, sal, pementa, pimentón picante e doce
- 5 culleradas de tomate fritido (a ollo)
- 1 lata de atún
Elaboración:
Facemos a MASA:
- Nun bol, mesturamos a fariña, o lévedo e o sal.
- Engadimos a auga e o aceite e remexemos cunha culler.
- Amasamos facendo coma que somos un panadeiro profesional e temos moita idea (ver clip ao final desta publicación para inspiración).
- Deixamos levedar por unha hora cuberto por un pano. Mentres…
Cociñamos o RECHEO:
- Poñemos a cocer os ovos.
- Picamos ben a cebola, o pemento e a cenoria.
- Sofriximos a cebola.
- Engadimos a cenoria e o pemento co sal até que abranden.
- Agregamos o tomate fritido.
- Botamos o ovo picadiño, os mexillóns e o atún. Condimentamos coa pementa e os pementóns.
- Unha vez ben mesturado e cociñado todo, podemos retirar do lume. Agora…
Montamos a EMPANADA:
- Dividimos a masa en 2 e estendemos cada porción coa axuda dun rolete.
- Prequecemos o forno.
- Poñemos unha das láminas de masa na bandexa do forno. Botamos o recheo enriba e tapamos coa outra.
- Pechamos ben dobrando o bordo da capa inferior sobre a superior e rematamos coa axuda dun garfo.
- Facemos un burato no centro da lámina de masa superior. Poñémoslle fantasía (as tiras estas por riba facendo algunha forma).
- Pintamos coa xema.
- Metemos ao forno até que doure (non demasiado, que queima).
Velaquí un gif coa técnica de amasado. Por 0,99€ podes acceder ao vídeo completo de un minuto, con audio incluído.

Unha opinión sobre “Empanada de Mexillóns do Aarón”