Lentellas: ou as tomas ou as tomas, porque se as deixas virá un elfo rosa a castigarche por semellante pecado. Este ser de luz farache comer lentellas polo resto da túa triste e deprimente vida (ou até que rebentes).
Esta comida entra soa no inverno, e é ben máis sinxela do que pensas. Mais antes de comezar debo advertirche: aínda que se venden en bolsas de un quilo, por moi tentador que resulte, non fagas a bolsa enteira. E para nada estou falando dende a miña propia experiencia hehe.
Ingredientes:
- 1/2 quilo de Lentellas
- 2 cenorias
- 1 cebola pequena e un par de dentes de allo
- 1 pataca grande
- 1 tomate
- Aceite, sal, pementa e unha folla de loureiro
- Un pack de chourizo+morcilla+touciño entrefebrado que venden nos supers (ou só chourizo se prefires)
Elaboración:
- Poñemos as lentellas a remollo polo menos unha hora.
- Mentres están a remollo, podemos ir cortando en rodas as cenorias e a carne, e picando cebola, allo e tomate. A pataca chascarémola, coma explico na publicación da Vichyssoisse.
- Na pota onde vaiamos cociñar, sofriximos a lume non moi alto a cebola, allo, cenoria e o touciño por algo máis de 5 minutos. Engadimos o tomate e salpimentamos.
- Agora, tras enxugar as lentellas, podemos engadilas (co loureiro). Cubrimos de seguido con abondosa auga e imos preparalas a lume lento, removendo de vez en cando para evitar que se peguen ao fondo e arruinen todo.
- Pasados 5-10 minutos, botamos a pataca e o resto da carne, e seguimos cociñando (coa tapa posta sempre). Seguimos remexendo a intervalos até que estean brandas ou ao noso gusto.
Non esquezas que…
Hai mil e unha receitas de lentellas, e eu non seguín ningunha das que vin. Así que non te sintas mal se non as pos moito tempo a remollo, se lles queres botar arroz, pemento, menos carne, outras especias…
Por último (e esperemos que nunca o precises), se notas que se están pegando, sácaas rápido do lume e corta a cocción poñendo a pota sobre un pano mollado (ou no fregadeiro con auga). Despois podes seguir cociñándoas, pero moito ollo, que non se volvan pegar!!