Velaquí outra receita que lle roubo ao Comidista sen darlle créditos e sen tan sequera molestarme en poñer unha ligazón ao artigo orixinal, porque os contidos non se crean sós.
É brincadeira, tédela aquí por se non vos fiades do meu copia e pega. Gracias Mikel por darme ideas tan boas e tan ricas ♥.
Ingredientes:
- Media cebola
- 200g de espinacas frescas
- 500g de cabaza
- 1L de leite
- 80g de fariña
- 100g de manteiga (80 para o bechamel)
- 500g de pasta
- 100g de queixo relado (ou que reles ti)
- 50g de pan relado
- Aceite de oliva
- Sal, pementa e noz moscada
Elaboración:
- Preparamos a bechamel, que aínda que está noutras receitas vou repetir como se fai porque me da preguiza buscala pero non escribir: Comezamos derretendo a manteiga (eu adoito botar un chisco extra, para deixar que doure e perda auga). Engadimos a fariña e cocémola a lume medio sen deixar de remover, até dourala.
- Aos poucos imos vertendo o leite, sempre remexendo e até que espese. Salpimentamos e botamos a noz mosqueada :(. Reservamos tapado.
- Quecemos o forno a 220ºC e fervemos auga con sal para a pasta (que coceremos 3 minutos menos do estipulado pola bolsa).
- Mentres, picamos a cebola en dados pequerrechos, a cabaza em cubiños dun centímetro de lado e as espinacas e cachos grandes.
- Quentamos unha tixola a lume medio con aceite e refogamos a cebola un par de minutos. Engadimos a cabaza, salpimentamos e cociñámola até que abrande. Agregamos o verde e cocemos un minuto máis.
- Botamos os vexetais ao bechamel e mesturamos. Facemos o mesmo coa pasta.
- Por último metemos todo nunha fonte para forno, esparexemos o pan e o queixo e engadimos unhas trociños da manteiga restante por riba. Enfornamos até que gratine.
Non esquezas que…
Como sempre, podes facer esta receita túa cambiando cousiñas, coma engadir unhas pasas ou setas, que sei eu.