Espiga de Millo (3 Xeitos)

Sabías que o millo é moi bo para a memoria?? Merda. Creo que xa contei este chiste. Veña, pois conto outro: Sabes cal é o meu prato favorito? O fondo. Que? Pensabas que ía contar algo relacionado co millo? Pois non. E non é porque non se me ocorran, é porque non me da a gana.

Aposto o que sexa a que non soes cear isto. E probablemente pasases ao seu lado no supermercado miles de veces sen te fixar. Pois ben, creo que non hai cea máis rápida, sinxela e rica!

Ingredientes:

  • Espiga de millo precociñada
  • Manteiga ou queixo de Arzúa
  • Sal

Primeira Elaboración (tan sinxela que se fai soa):

  1. Sacamos a espiga da bolsa e procedemos a cociñala. Temos tres opcións: á prancha, cocida ou a máis sinxela:
  2. Introducimos a espiga no microondas, cuberta con manteiga ou queixo e cun chisco de sal. Quentamos por 3 minutos (ou o que indique o paquete) e xa está listo!

Segunda Elaboración (segue sendo sinxela pero parece máis elaborada):

  1. Nunha pota con auga fervendo metemos o millo e un chisco de sal por uns minutos.
  2. Sacámola e cubrímola con queixo ou manteiga e listo!

Terceira Elaboración (sinxela pero xa a podes atopar en restaurantes):

  1. Poñemos ao lume unha prancha (ou tixola), cando queza, botamos un chisco de manteiga (ou aceite) e o millo con sal, que iremos xirando para que se faga ben.
  2. Non te preocupes por que torre un chisco, e se prefires, podes partir a espiga en 2 ou 3 e facer cachos máis xeitosos. Tamén é posible facelo ao forno.

Non esquezas…

Que comela non ten moita ciencia: cóllela coas túas mans e a dentadas! (Non recomendable para persoas con aparato dental).

Deixar un comentario