Como facer Quinoa ao polo en 2 pasos:
1. Cociñas a quinoa.
2. Daslla ao polo.
Agora en serio, esta receita está xenial para un pícnic de verán ao que non che apetece levar a ensalada de pasta de sempre.
Ingredientes:
- Quinoa
- Sal
- Limón
- Aceite
- Extras recomendados: pemento, pepino, cebola, tomate
- Os extras que ti lle queiras: millo, brotes de soia, froita (mango, granada, amorodo…), aguacate, tomates cherry, froitos secos, uvas pasas… E outros condimentos coma pode ser a salsa de soia
Elaboración:
- O primeiro paso é limpar ben a quinoa, para quitar a capa de saponinas, que ademais de dar sabor amargo, non son moi dixestivas. Para iso frotámola suavemente baixo a auga por uns minutos, até que deixe de saír tan turbia.
- Se conseguides quinoa que xa estea limpa ou a secades, podedes sofritila antes de cocela, coma o arroz. Se non tampouco pasa nada: fervémola en auga salgada por uns 15 minutos ou o que indique o paquete (pero tampouco queremos que quede moi branda ou desfeita, mellor algo duriña).
- Coma é unha ensalada, eu gosto de tomala fría, así que a deixo arrefriar e mesmo a meto na neveira, ao igual que os outros engadidos.
- De seguido engadimos o resto de ingredientes cortados en cachiños, mesturamos, aliñamos e listo! (a froita pódela engadir antes ou despois do limón, como consideres).