Brécol á Prancha

Chega o coello á tenda do barrio:
– Boa tarde, señor. Desculpe, señor, ten brécol?
+ Brécol? Non, coello; non teño.
– Ah, vale. Grazas, señor. Desculpe, señor. Boa tarde, señor.
Aos cinco minutos volve o coello:
– Boa tarde, señor. Desculpe, señor, ten brécol?
+ Que non, coello. Non teño brécol. Xa rematou.
– Ah, vale. Grazas, señor. Desculpe, señor. Boa tarde, señor.
Pasan dez minutos e regresa o coello:
– Boa tarde, señor. Desculpe, señor, ten brécol?
+ Que non teño brécol! Entende?? Acaboume xa!
– Ah, vale. Grazas, señor. Desculpe, señor. Boa tarde, señor.
Quince minutos despois, volta o coello:
– Boa tarde, señor. Desculpe, señor, ten brécol?
+ Oh, pois… Non, non teño! Xa o vendín todo! Ven mañá, mañá traen máis.
– Ah, vale. Grazas, señor. Desculpe, señor. Boa tarde, señor.
Aos vinte minutos, retorna o coello:
– Boa tarde, señor. Desculpe, señor, ten brécol?
+ Estasme a vacilar, coello? Non, non teño, xa che dixen mil veces que non teño brécol! E se volves parar na miña tenda pedindo brécol, préndote polas orellas, crávote na parede e quedas coma Santo Cristo!
– Ah, vale. Grazas, señor. Desculpe, señor. Boa tarde, señor.
Pasa media hora e aparece o coello pola tenda. Asómase, e entra con cautela. Entón pregúntalle ao tendeiro:
– Boa tarde, señor. Desculpe, señor, ten cravos?
+ Cravos? Non, non teño cravos.
– Ah. E brécol?

Pois si, se chegaches ata aquí supoño que non fará falla que explique que o contido deste artigo rematou xa. Hoxe só hai chiste, non receita.

Ingredientes:

  • Brécol
  • (un chisco de aceite, sal e as especias que queiras)

Elaboración:

No lugar dunha serie de pasos, darei unha serie de indicacións, pois podería resumirse en: lavar, cortar, cociñar.

  1. O paso máis importante é o troceado. Como vai ser á prancha, imos ir cortando os tronquiños, e logo cada un destes en 2 ou 3, case buscando laminalo.
  2. O tronco grande está boísimo, así que nada de tiralo: lamínao tamén (3-5 mm)
  3. Non te preocupes porque se poña algún cacho algo marronciño, pero recorda ilo movendo para que non se queime.
  4. Aínda que está ben só, especiándoo queda incluso mellor.
  5. Non tes que botar o brécol só na tixola. Unhas cenorias en láminas, uns tomates cherris ou incluso salchicha fresca troceada acompáñano que dan gusto. Na foto tamén salteei uns gnocchis, que quedan moito mellor así ca cocidos.

Deixar un comentario