Que é peor que atopar un verme cando mordes unha mazá? Atopar só medio.
Estaba un home subido a unha árbore e nisto que chega o seu amigo e berra:
+ Que fas aí subido, ho?
– Pois comer unhas laranxas.
+ Pero estás nunha maceira!
– Si, xa, pero subín eu as miñas laranxas 🙂
Despois de dobre ración de chiste tocará receita, supoño. A esta téñolle especial cariño, pois é a que preparaba a miña avoa coas mazás que caían na horta, e era unha delicia.
Ingredientes:
- Mazás
- Azucre
- Auga ou Porto (ou outro licor doce)
- Opcional: chocolate (a mazá soa xa está rica abondo debo dicir)
Elaboración:
- Logo de lavar as mazás, o primeiro é baleiralas. Sacarémoslles as sementes facendo un burato na parte superior da mesma, onde o rabiño.
- Despois, encheremos o oco con azucre (e opcionalmente cunha onza de chocolate).
- O último paso é humedecer ese azucre cunhas pingas de auga ou porto. Agora xa están listas para metelas no forno até que abranden ben e o doce derreta.