Marmelada de Amoras

Animaríavos a probar esta receita, pero non estaría sendo sincero se non vos avisase de que: pasar 2h ao sol collendo amoras entre as silvas non é a cousa máis divertida. Acho que sería ben máis sinxelo mercar a famosa Marmelada de Amoras do Artur. Pero se non vos conseguín convencer e queredes volver ensanguentados a casa, adiante!

Esta marmelada non só queda ben nas torradas do almorzo ou nun iogur. É idónea para facer deliciosos prebes para a carne.

Ingredientes:

  • 1kg de amoras
  • 2 limas ou un limón
  • 500-400g de azucre

Elaboración:

  1. Limpamos ben as amoras con auga.
  2. Na mesma pota onde as vaiamos facer, botamos as amoras, o azucre e a lima exprimida (usamos un coador para que non vaian sementes). Deixámolo macerar por unha hora. Este paso é opcional se non temos moito tempo.
  3. Poñémolo a lume medio remexendo frecuentemente para que non se queime. Deberá cociñarse por 30-40 minutos.
  4. Cando vaian abrandando as amoras, ímolas desfacendo dun garfo ou un pasapurés. Se queremos que non teña tanta textura, pódese bater e logo coar as pebidas.
  5. Por último, envasamos. Para iso podes consultar a publicación sobre a esterilización e pasteurización ao baleiro.

Non esquezas…

Que sempre podes empregar menos azucre, pero este axuda á súa conservación. Así que se usas pouco, non demores en zampala.

Deixar un comentario