Luras

Un home vai pola rúa correndo e cruza cun amigo, que lle pregunta:
– Oe, por que estás tan apurado?
+ É que se intoxicou a miña sogra con luras.
– E logo que vas, busca-lo médico?
+ Non ho, a por máis luras!

Mmmmmmm que ricos están estes cefalópodos, e non é que sexa un prato moi complicado. Así que xa sabedes, máis lura e menos series de netflix sobre xenocidios ficticios (para iso están moito mellor as do National Geographic).

Ingredientes:

  • 1 kg de Luras
  • 1 cebola
  • 1 dente de allo
  • 1 cenoria
  • 1 pemento pequecho
  • 3 tomates
  • 1 vaso de viño branco

Elaboración:

  1. Primeiro picamos as verduras (a cebola e o allo ben fino; e cenoria e pemento algo menos; e o tomate non tan pequeno) e troceamos as luras.
  2. Sofriximos a cebola e o allo en aceite e logo imos engadindo cenoria, pemento e por último tomate. Cando abrande o último, botamos as luras, salpimentamos e refogámolas un chisco.
  3. Vertemos o viño, e, se vemos que fai falla, unha pouca auga.
  4. Deixamos que cociñe a lume medio-baixo até que abranden as luras. Pero debemos ter coidado con non pasarnos, pois poden volver endurecer.

Non esquezas que…

Coas luras, aínda que hai moitas opcións, a miña favorita é con arroz branco. Tamén podes engadir patacas ao guiso se prefires esa opción.

Deixar un comentario