A Avea de Obama

Avoa, son o delegado da clase!
Normal, co pouco que comes. Fágoche unha costilleta??

Xa sei que xa teño outra publicación con receitas coa avea, pero editala era moito traballo, así que velaquí outra 🙂

Ingredientes:

  • Un plátano moi maduro
  • Crema de cacahuete
  • Canela
  • Sal
  • Avea
  • Leite (de avea ou do que sexa)
  • Opcional: froitos secos, cacao en pó

Elaboración:

  1. Nunha cunca ben grande machucamos o plátano cun garfo. Mesturamos iso cunha boa cullerada de crema de cacahuete, canela abondosa, un chisco de sal (e se queremos un pouco cacao).
  2. Imos engadindo os flocos de avea e mesturando todo moi ben, obtendo unha masa pegañenta e un chisco seca. Se ademais lle queres botar algún outro froito seco, adiante, ponte creativo!
  3. Logo imos botando leite e remexendo, soltando toda esa masa ata que quede máis ben líquido.
  4. Por último deixámolo repousar toda a noite na neveira, para que vaia abrindo a avea. Ao día seguinte podes quentalo no microondas, pero a receita orixinal é fría, pois Obama non ten micro, e polas mañás ten moita présa porque sempre se ergue tarde. Por iso fai o almorzo antes de durmir, así polo menos non sae sempre sen comer.

Non esquezas que…

Nestas receitas o seu é poñerse creativo. Se lle queres engadir máis especias (pementa, xenxibre…) ou até cambiar o leite por iogur ou por leite fermentado, adiante!

Si, ese leite raro que venden no supermercado árabe da esquina en bolsas de plástico. Ese que non da moi bo rollo pero ten un sabor interesante, e que os teus compañeiros de piso non din nada, pero sabes que che están xulgando cando mercas esas cousas raras. Pero ao final só se preocupan por ti, porque, quen merca iso? Estás ben Artur? Pode que si pode que non, pero despois deste almorzo seguro que estarei mellor. A non ser que me sente mal o iogur bebible de pistachos caducado que merquei no mesmo sitio. En definitiva: O que non mata engorda!

Unha opinión sobre “A Avea de Obama

Deixar un comentario