Tortilla de Patacas

– Ola! Que tal todo? 🙂
+ Non moi ben 😦
– E lo??
+ É que a miña familia quéreme meter nun manicomio :((
– E iso?
+ Pois porque me gusta moito a tortilla de patacas.
– Bueno, ho, non é para tanto. A min tamén me encanta!
+ Si? Pois cando queiras pasa por casa, que teño 5 armarios cheos dela :))

Facer unha boa tortilla de patacas disque é complicado, pero eu penso que é cousa de perderlle o medo e practicar un par de veces. Se ademais tes unha boa tixola e paciencia, seguro que che saen todas marabillosas!!

Ingredientes:

  • Patacas (unhas 4 xeitosiñas para unha boa tortilla)
  • Ovos (de 6 a 8, xa vas vendo segundo a cantidade de pataca)
  • Aceite
  • Sal

Elaboración:

  1. O primeiro de todo, tras pelar as patacas, é cortalas. O ideal é que sexa en cachiños o máis finos posibles, 2-3mm de grosor. E tampouco láminas enormes, uns 2.5cm de lado aproximadamente.
  2. Cando vaiamos pola última pataca, podemos ir quentando a tixola. Cando estea quente botamos aceite abondo (eu na verdade non uso moito, prefiro ilas removendo a sumerxilas en aceite).
  3. Co lume medio-alto, fritimos as patacas cun chisco de sal até que abranden, sen esquecer ilas movendo e separando unhas das outras (cun cuberto ou movendo a tixola se es pro).
  4. Mentres, ou ti ou teu pinche, que vaia batendo os ovos cun pouco sal tamén.
  5. Cando a pataca estea lista, xuntámola co ovo no sitio onde o batemos (que sexa grande abondo) e mesturamos. Se queres que estea super líquida, podes deixar arrefriar antes as balocas un pouquiño.
  6. Volvemos pasar á tixola cun chisco de aceite, e co lume non demasiado alto. Aquí a clave é que calle arredor sen que queime o centro. Se ves que lle leva demasiado callar ao redor, podes remexer un chisco a zona central, chegando ata a parte en contacto co metal, para que non queime.
  7. Cando vexas que calla un pouco nos bordos, é hora de darlle a volta. Pos un plato o grande suficiente sobre a tixola, érguelo e cun único movemento (máis preciso que rápido) volteas a tortilla. Logo é só volvela a deitar na fritideira por un ou dous minutos e xa estaría lista.
  8. Para volver poñela, colocas o plato sobre a tixola, non no borde, senon, ao empurrar, en vez de caer centrada, caerá toda no lado. Lin nalgures que podes aceitar o prato para que sexa máis sinxelo, e botar unhas pingas de auga. Se non, usas algun cuberto e xa. Tamén podes botar antes un pouco de aceite na tixola, se está seca.

Non esquezas que…

Esta é a opción máis básica. De aquí, só podes ir para arriba, ben sexa con cebola, grelos, chourizo (eu engadiríao a medio facer as patacas, se non seca moito e queda duro), queixo de arzúa…

Deixar un comentario