– Mamá, que imos xantar?
+ Ves ese bote de xeado de framboesa?
– Si.
+ Pois ábreo, tes dentro un pouco caldo.
Nesta receita descubrín a utilidade das escumadeiras e a razón do seu nome: serven para retirar a escuma que se forma por exemplo ao cocer fabas. Que curioso, non?
Ingredientes (aproximadamente para 10 persoas):
- 400g de fabas
- 5 patacas xeitosas
- Un bo feixe de grelos (medio quilo ou así (algo menos))
- Unto (unha noz, ou un néspero pequeno)
- Carne salgada, un bo cacho
Elaboración:
- O día antes deixar as fabas cun chisco de sal a remollo.
- Pelar as patacas, limpar a verdura e cortala se son follas moi grandes (eu corteina lonxitudinalmente para que o talo quede máis tenro).
- Poñer as fabas nunha pota grande coa auga na que estaban a remollo. Cocelas coa carne. Se a carne xa ten sal, non fai falla que salgues o cocido, pois logo queda salgado de máis (non que me pasase).
- Cando estean a piques, engadir as patacas chascadas. Cando volva ferver, botamos os grelos (ou verzas ou repolo ou nabizas, o que sexa). E o unto. E se queres botarlle uns chouriziños, pois adiante!
- Agora é só agardar a que remate todo de cocer e ter amigos suficientes para invitar.
Non esquezas que…
Se tes pouco tempo, podes acelerar o proceso cocendo as fabas na ola a presión. Cando vaias sacar a biquela da pota, lembra sacala do lume, se non, a auga segue fervendo dentro e pode rematar mal o asunto. Non me pasou eh, non tiven que limpar restos de faba da campá extractora. Xúroo.