Espárragos salteados

Facendo esta receita descubrín que hai un chiste de espárragos similar ao dos cogumelos, entón pensei, pois conto o dos cogumelos que é máis gracioso. Logo pensei: podo contar os 2. Despois comecei a escribir esta introdución e decidín que só vou contar o dos espárragos, precisamente por ser peor e menos chistoso :).

Un pai e un fillo foran buscar espárragos ao campo. O fillo ía cortar uns espárragos e de súpeto viu unha carteira no chan. Abriuna ilusionado e, para a súa sorpresa, tiña 700 eurazos. Entón, correu coma un tolo a ensinarlle o achado ao seu pai e este, sen inmutarse, colleu a carteira e guindouna ben lonxe, ao tempo que dicía:
Hoxe viñemos buscar espárragos, pailán. Outro día xa viremos buscar carteiras!

A ver, que a receita en si non ten moita ciencia, pero está rica, e ao final, o choio todo este das receitas é só para ter ideas de que comer cando non se che ocorre nada. En moitos casos, eu creo que chegaba con poñer título e foto, e logo cada un xa o fará ao seu xeito. Pero vaia, que xa que comecei a escribir, agora rematarei (en verdade acabo de rematar xa, porque adoito deixar as introducións para o final, ou sexa, a receita xa está escrita, pero claro, ti non o sabes porque supoño que lerás en orde).

Ingredientes:

  • Espárragos
  • Cogumelos
  • Ovo
  • Sal e pementa (se tes sal groso de Aveiro sabe mellor)

Elaboración:

  1. Preparamos os espárragos (sacamos a parte dura do final e partímolos se son moi longos) e limpamos os cogumelos cun papel e cortámolos en láminas (tampouco moi finas).
  2. Nun wok (se tedes, se non cada un co que poda) salteamos os espárragos cun pouco aceite ata que abranden un pouco. Se lle queredes un pouco xamón serrano troceadiño tamén se pode.
  3. Engadimos os cogumelos e salpimentamos, cociñando até que abrande. Se temos un limón pódese botar un chisco do zumiño, tamén queda rico.
  4. Co lume moi baixo ou apagado, engadimos o ovo batido (ou sen bater se somos demasiado preguizosos) e imos removendo para que non quede pegado.

Non esquezas que…

Se che parece pouco alimento (aínda que enche ben), podes combinalo con pasta ben antes ou despois do ovo (mesturas a pasta cocida coas verduras e logo botas o ovo cun chisco de auga da cocedura).

Creo que a receita da foto foi feita na fritideira de aire. Non vos recomendo que fagades os ovos nela, pero os espárragos e cogumelos non teñen perda.

Nota:

Ía usar a forma Cogomelos. Pero non apoio á RAJ, así que se alguén ten algún problema, que mo faga saber. Que mo faga saber para explicarlle o pouco que me importa a súa opinión: o artigo cambiar non o cambio, eh. OUVICHES?

Deixar un comentario