– Quanto é o cafezinho?
– 2 reais.
– E o açúcar?
– O açúcar a gente não cobra.
– Então pode me dar 2 quilos, por favor?
Esta receita é coma o arroz con leite pero mellor, porque é portuguesa. E que hai mellor ca Portugal? Probablemente nada. O Brasil está aí aí, pero como aínda non estiven aló…
Ingredientes:
- 300ml de auga (1 caneca de Abel Caballero ata arriba)
- 150ml de arroz carolino (media caneca)
- 2 pedazos de casca de limón (ben fina, sen a parte branca)
- 1 pau de canela grande ou 2 pequenos
- Un chisco de sal
- 1/2 culler de sopa de manteiga
- 750ml de leite
- 2 xemas de ovo
- 125g de azucre branco (podedes usar un chisco menos)
- Canela en pó para decorar
Elaboración:
- Comezamos xuntando as xemas e o azucre e batendo ben cunha vara de arames até obter unha especie de crema esbrancuxada. Reservámola.
- Quentamos o leite ata que ferva, deixándoo logo no mínimo para mantelo ben quente.
- Nunha pota maior, colocamos a auga ao lume co limón, a canela e un chisco de sal. Cando rompa a ferver, engadimos o arroz.
- En lume brando, deixamos que o arroz absorva case toda a auga, remexendo ocasionalmente. Chegados a ese punto, botamos a manteiga e removemos ben, envolvéndoo todo.
- Agora iremos xuntando o leite aos poucos, deixando sempre que o arroz o absorva case por completo antes de engadir máis. Sempre movendo lentamente e en movementos circulares, co lume brando e comprobando que non se pega. Cando o leite todo estea absorvido, apagamos o lume.
- Retiramos a canela e o limón. Botamos o ovo e o azucre, envolvendo moi ben, e levamos todo ao lume até ferver un pouco.
- Por último colocamos todo en cunquiñas ou en tarros de cristal, deixamos arrefecer e decoramos con canela en pó.
Que sabrosura!!
GústameGústame