Bolo Mármore de Cenoria

Estaban dous tolos falando no manicomio (de Conxo) e di un deles:
– Cal é o mellor xeito de cazar coellos?
– Nin idea! – respondeu o outro louco.
E di o primeiro:
– É fácil! Agáchaste atrás dunha árbore e imitas o canto dunha cenoria.

Hoxe podía ter redactado antes a receita, pero esquecino e case se me pasa. Menos mal que abrín unha ligazón por erro e vin que nese navegador tiña o WordPress aberto. E dou grazas a que descubrín que os chistes son moito máis rápidos de atopar e de traducir se os busco en portugués ca en español (e dunha calidade moi superior, como podedes ver). Prometo que para o luns non a subo a estas horas.

A verdade é que é unha receita tan rápida e sinxela que estiven a piques de facela dúas veces na mesma semana, para darlle saída ás cenorias que tiña na casa. Iso si, pequeno consello: mellor usar cenorias boas que as de 1€ o quilo do gadis.

Ingredientes:

  • 250g de cenoria (unha vez pelada)
  • 220g de fariña
  • 180g de azucre
  • 100ml de aceite de oliva (eu empreguei do suave)
  • 4 ovos
  • 3 culleradas de cacao en pó (cacao, non colacao, Frodo)
  • 1 culler de lévedo en pó

Elaboración:

  1. O primeiro é ir prequecendo o forno a 180ºC e untando o molde con manteiga, pois os próximos pasos son ben rápidos e sinxelos.
  2. No teu procesador de alimentos de preferencia (thermomix, vaso batedor, batedor…) mete a cenoria troceada, o ovo, o aceite e o azucre. Bate ben ata que quede unha crema homoxénea.
  3. No vídeo de instagram que vin, logo mesturaba todo coa fariña e o lévedo nun bol, coa axuda dunha culler ou espátula. Pero non sei, é un pouco perder o tempo cando podes usar xa o mesmo procesador para mesturar todo. Eu por se acaso recollo os dous xeitos, cada un que se complique a vida como queira.
  4. Logo de mesturar a fariña, reservamos a metade da masa e engadimos o cacao á outra, mesturándoa no procesador ou a man, como prefirades (eu téñoo claro).
  5. Para botalo todo no molde hai varias opcións. Primeiro unha cor e logo a outra (forma básica) ou se nos aburrimos e estamos creativos, podemos ir alternando capas en distintas zonas do molde. Ou facer as fantasías que se nos ocorran.
  6. O último paso é enfornar por 35-40 minutos, comprobando ao final se xa está feita polo método do escarvadentes. Se ao pinchar o biscoito sae manchado, é que aínda lle queda un chisco por cociñar.

Se cadra aí arriba prometín de máis, que para o luns é Semana Santa e son vacacións. Quizais use iso coma excusa para non subir nada, quen sabe 🙂 .

Deixar un comentario