Dúas algas conversando:
– Meu marido é un durmiñón! Chega á casa e xa corre para a cama!
E a outra:
– Pois meu todo o contrario… El non vai durmir sen facer algo😳!
Pois ao final si que conseguín publicar a tempo. Para nada escribín isto o martes pola mañá.
Non é que estea volvendo ao arco vegano do blogue, pero tamén hai que ter contento a todo o público. Para a xente normal, podedes botarlle un pouco de polo e listo. Ou cambiar as algas por salchichas, os cogumelos por ovos e as verduras por salsa de tomate.
Ingredientes:
- 20-30g de algas deshidratadas (quería hiziki pero non había, así que empreguei espaguete de mar).
- Caneca e media de arroz integral (ou o que che preste).
- 1 cenoria
- 1/4 cebola
- 1 allo
- 1 pedazo de xenxibre
- 300g de cogumelos
Elaboración:
- Hidratamos as algas do xeito que indique no paquete. Mentras imos cocendo o arroz cun chisco de sal (se precisades que explique máis este paso, poñede aí un comentario ou que sei eu). O integral que merquei eu levoulle uns 45min, só aviso para que xestionedes o voso tempo.
- Picamos ben fino todas as verduras e cortamos en dadiños os cogumelos.
- Sofritimos no wok (ou se non somos o sufientemente guais como para ter un, pois unha tixola) as verduras por uns minutos, engadindo despois os cogumelos.
- Se as algas quedan moi grandes podemos cortalas. Engadímolas co arroz ao wok, salteamos e podemos botar un vasiño de auga/caldo/auga de rehidratar as algas.
Non esquezas que…
Esta é unha das miles de receitas que hai con ingredientes similares coma o arroz con algas e berberechos. Ou variando e engadindo ingredientes: uvas pasas, piñóns, porros, luras…