Un neto chama por teléfono á súa avoa italiana dicindo que vai ir visitala e que vai levar a sua namorada para que a coñeza. A “nonna” entón comeza a explicarlle ao neto como chegar até aló:
– Tes que ir ao edificio que está fronte á xeadería. Io vivo no apartamento 301. Capito? Preme o botón do interfono co cóbado, que io abro la porta. Entra, colle o elevatore de la mano destra e aperta o número tres co cóbado. Cando saias do elevatore, mio apartamento está na finestra. Co cóbado, aperta a campaíña que io atenderô.
– Nonna, parece fácil, mais por que teño que premer todos os botóns co cóbado?
– Porca miséria! Dio mio, ma como tes a coraxe de vir ver la nonna coas mans baleiras?
Insisto, non vos asustedes, non son vegano. É só que as receitas veganas parecen máis guais que as normais. A solución para comer ben, é sinxela: substituír na receita a soia texturizada por carne picada. Ah, e esta non é a miña versión favorita do chiste, pero como tiña que ser un de italianos, pois ben valerá.
Ingredientes:
- 150g de soia texturizada seca
- 1 cebola grande
- 3 cenorias
- 1 rama de apio (ou menos)
- 1 quilo de tomate triturado/tomate enteiro pelado/tomate normal. O que máis cómodo che sexa.
- 1 vasiño de viño
- Sal, pementa, aceite, ourego.
Elaboración:
- O primeiro é hidratar a soia seguindo as instrucións do envase. O común é ter que deixala 20 minutos co dobre de cantidade de auga morna. Para darlle algo de sabor aproveito o líquido dos tomates para hidratala, ou podes usar algún caldo, por exemplo. Cando estea lista, escorremos e enxugámola ben.
- Mentres hidrata, imos pelando e picando as verduras, para logo refogalas por uns minutos. Tamén podemos ir preparando a pasta noutra pota, se a imos acompañar con pasta. Se o que imos facer é tomar boloñesa con arroz dentro dunha tortita, pois imos facendo o arroz. Ou mellor imos replantexándonos certas cousas. E non o digo por ninguén, FRODO.
- Engadimos a soia, salteándoa por un par de minutos, antes de botar o viño e deixar que evapore.
- Agora xuntamos o tomate, salpimentamos e botamos as especias que sexan. Xa só queda deixar cociñar a lume baixo até que cansemos (entre 10 e 50 minutos, ou máis tempo segundo a quen lle preguntes, pero a luz está cara).
Non esquezas que…
As boloñesas, como todo prato importado, admiten as variacións que queiras, porque non lle debemos nada aos italianos. Por exemplo, uns cogumelos ou cabaciña non lle quedan mal. Ou un pouco vinho do Porto, quen sabe…
O mellor para tomar isto son pastas como macarrón ou os radiatori, non os espaguetes!! E tamén é unha opción perfecta para gratinar ao forno ou mesmo como recheo dunha lasaña. E si, sei que a foto son espaguetes. Pero a foto tamén ten carne e diso non vos queixastes verdade??
Para ser sinceiros, esta é a única foto que hai das 2 boloñesas que preparei este curso coa soia:
