Que pasa se metes un ovo no microondas?
Ben, pido disculpas pola baixa calidade do chiste, pero é que bromas de pisto só atopei unha terriblemente sexista (podería tela adaptado pero paso). Así que quedades con este clásico.
Esta receita, se cadra, era máis acaída para o inverno, pero iso non é o que importa. O realmente relevante é o deliciosa que está, o sinxela de facer que é, e como enche, mimadriña. E si, despois do longo parón dos exames finais, POR FIN VOLVERON AS RECEITAS DO ARTUR!!!!
Ingredientes:
- Ovos
- 1 cabaciña
- 1 berenxena
- Un par de cenorias
- Un pemento
- 1 cebola grande
- 1 dente de allo
- Tomates
- Sal, pementa, aceite
- Opcional: as verduras que che apeteza. Podes engadir ou quitar a gusto.
Elaboración:
- Primeiramente limparemos e cortaremos as verduras en pedazos máis ou menos uniformes. Non moi grandes pero tampouco moi pequenos (de nada pola precisión). A berenxena e a cabaciña poden pelarse ou non, a gusto, e dependendo de se teñen a pel máis fina e tenra ou máis grosa. Cos tomates igual, para iso o máis sinxelo é escaldalos en auga fervendo por uns segundos antes de pelalos.
- Empregaremos unha ola grande ou nun wok tamén vai de marabilla. Comezaremos sofrixindo a cebola, allo e cenorias. Logo iremos engadindo as verduras en función do tempo que lle leven cociñarse. Seguro que hai unha orde correcta, pero eu fíxeno a ollo e quedou xenial: pemento, despois cabaciña, a seguir a berenxena e por último, iso si, o tomate.
- Nalgún momento salpimentamos, e tamén podemos usar outras especias, pero non o carguedes demasiado, que se non, acaba sendo pesado. Eu boteille unha pouca herba limón e pasta de tomate. Insisto, seguro que hai un momento óptimo para este paso. Pero semella que hoxe me erguín co pé enxeñeiro e non co pé matemático, así que ides ter que improvisar un pouco. Seguro que sae ben, a min quedoume fantástica!
- Cando estean as verduras cocidas (tampouco agardedes a que se desfagan) podemos botar directamente os ovos enriba e deixar que callen ou fritilos nunha tixola aparte, como mellor vos pareza.
Non esquezas que…
Esta receita, ademáis de super sinxela, admite todo tipo de variacións e complementos. Por exemplo podes cambiar verduras (seguro que unha cabaza ou un boniato quedaban de luxo). Ou facer coma min e botarlle uns pedazos de queixo de arzúa e que derreta (ñom). Se é demasiado vexetariana para o teu gusto sempre lle podes botar un pouco xamón sofritido.
Como extra, déixovos unha foto con sorpresa e máis outra do pisto con ovo da cafetería da facultade de Psicoloxía, que tanto me deu a vida neste último período de finais. Grazas Cafepsico (e grazas a toda a xente que viu comer comigo, creo que non tiven que comer só ningún día ♥ ).

