Castañas

– A canto te-las castañas?
– Cantas máis merques, máis baratas che saen.
– Pois enche aí até que me saian gratis!

Chego algo tarde, pero polo menos aínda estamos no tempo delas, oe. E ía dicir que non sei por que non comemos máis castañas, co ricas que están e o fácil que se preparan. Pero en realidade si que sei: ás veces están algo careiras. Nada, haberá que seguir plantando eucaliptos até que produzan ourizos.

Así e todo, aquí tedes como preparar este delicioso manxar. As máis ricas sempre son ás que fas á brasa, pero como non todos dispoñemos desa opción, recollo de seguir outras alternativas. A mellor, que é a que máis detallo, é asalas ao forno. Eu sei que nunca van quedar tan boas canto as do señor do treneciño da Zona Vella de Santiago, pero como non o podemos ter escravizado na nosa casa…

Ingredientes:

  • Castañas
  • Sal (opcional)

Elaboración:

  1. Colocamos auga a ferver cun chisco de sal. Mentres, imos picando as castañas: cun coitelo/tesouras imos facendo unha tallada en cada unha. Que corte a pel exterior, a interior e se introduza un chisco na carne, pero sen pasar da metade. Se non tedes coitelos afiados, a min o que mellor me funciona é usar un coitelo de serra normaliño.
  2. Poñémo-las castañas nunha cunca ou bol e escaldámolas coa auga fervendo. Deixámolas cubertas de auga por 5 minutos. Nese tempo imos quecendo o forno.
  3. Agora escorrémolas e estendémolas na bandexa do forno. Os portugueses sonche de botarlles sal gordo por riba, cada un que faga o que quera.
  4. Asámolas por 20-25 minutos, un pouco a ollo. Se tedes un forno coma o do señor Baiona (que só dá calor dende abaixo e só ten 2 opcións: apagado ou modo inferno), podedes dárlle-la volta aos 15 minutos ou así, para que non se calcinen dun dos lados.
  5. Pasado ese tempo xa as podemos retirar e comelas ben quentiñas (non vos queimedes (opcional)).

Outros modos de cociñado

No forno, versión sinxela: Igual que a receita anterior pero saltando o paso de escaldalas: mentres que quence o forno, picámolas. Despois facémo-los pasos 4 e 5.

Microondas: cocemos no microondas as castañas picadas nunha cunca tapada por un prato durante 2’30” ou 3 minutos. Despois pélanse que dan gusto. É unha boa opción se non tes tempo ou se as queres para usar noutra receita.

Cocidas: primeiro hai que pelar a casca dura (non a pel interior), que aínda leva o seu tempo. Pero vaia, nunha tarde chuviosa, mentres ves unha peli no sofá, o proceso faise menos tedioso. Despois cocémolas por 20 minutos (aprox) en auga cun chisquiño de sal. Hai quen engade certas herbas, que non só dan sabor se non que tamén axudan a dixerir mellor as castañas: anís (a herba, non o anís estrelado que viu da Asia) e néboda.

Cocidas coa pel: pois como a anterior pero picándoas en vez de pelalas e sacándolle-las 2 peles unha vez cociñadas.

Tixola: se tedes cociña de gas ou lareira, podedes usar destas tixolas con buratos para asa-las castañas (picádeas antes), movéndoas frecuentemente. É unha posible alternativa a facelas no forno, o resultado é similar.

Fritideira de ar: como ao forno pero na fritideira de aire. Vale a pena? Seguramente non.

Non esquezas que…

Se non as papas todas cando aínda están quentiñas, unha boa opción é tomalas nun (non cun) vasiño de leite morno.

Deixar un comentario