Isto non é unha receita
Pero… Artur, entón que é? E por que carallo a mandas aos subscriptores? E que é un amigo??
Tranquilidade. Agora explico.
Estaba eu matinando sobre de onde podía sacar ideas para novas receitas. E pensei que, se pedise só unha a cada amigo que teño, tería, polo menos, 1 nova receita. Porque son o meu mellor amigo, e a gata non fala.
Agora en serio. O concepto desta nova serie de receitas é: facer ás miñas amizades partícipes do blogue. Supoño que é o meu xeito de agradecerlles o apoio a esta cousa (ía dicir proxecto, pero iso soa a máis do que é) e un pouco en xeral por todo. Quero así recoller as elaboracións que acompañan aos meus amigos no día a día. Aquelas que mellor lle saen, ou as que máis felices os fan. Comidas para un apuro, pratos para preparar nunha ocasión especial, sobremesas para unha festa…
En resumo, receitas dunha etapa universitaria que quedarán rexistradas para o futuro. E un día, se cadra, cando sexan máis vellos, lembrarán disto e poderán relembrar estes máxicos anos, preparando aquela comida que tanto lles gustaba.
Nesta publicación, ademais de servirme para explicar esta nova idea, poderedes atopar as ligazóns ás diferentes receitas, a medida que as vaia subindo. Pero non vola envío só para que esteades ao tanto.
A ver, non engano a ninguén, a maioría dos subscritores sodes precisamente amigos meus. E como chegou un punto no que cansei de ir pedindo receitas un a un (non que teña moitos, é que cansei moi rápido), esta é a excusa perfecta para chorarlle ao resto por unha receitiña para este probe exleproso.
Ao final do texto, poderedes atopar un mini formulario para que, se vos apetece, enviedes a(s) receita(s) que vos gustaría que subise (tamén podedes falarme por calquera outro sitio). Non sabedes o feliz que me faredes se me mandades calquera cousa. E vaia, até se non me coñeces pero queres enviar tamén algo, por favor, adiante, nunca son moitas, e todas son benvidas!
Que ben podía ser un: As receitas do meus Subscriptores. Pero é que o outro título queda moito mellor. E, para o outro grande grupo de subscriptores (a familia), é posible que nalgún momento faga algo así con vós, así que xa podedes ir elixindo (e facéndomas chegar!).
E que é un amigo? Probablemente alguén que che atura a turra toda sobre o teu blogue de nonseique, que ademais se subscribe sen preguntar e, despois de todo, aínda segue aí.
Grazallas.
Nota: de agora en diante vou publicar cada 2 semanas. Así podo aguantar máis tempo até ficar sen ideas. Se Tom Scott vai deixar de subir o seu vídeo semanal dos luns, seguro que poderedes resistir que eu reduza a frecuencia á metade :).
Eis as receitiñas que teño polo de agora:
Pido disculpas de antemán pola mediocridade universitaria da miña receita
GústameGústame