Había unha vez unha anciana que sempre lle daba améndoas ao conductor do bus, quen, feliz, aceptaba sempre encantado. Até que un día decidiu preguntar:
– Que amable é dándome améndoas tódolos días. Por que non as come vostede?
– É que non teño dentes para mastigalas.
– Entón por que as merca?
– É que me encanta o chocolate que traen ao redor.
Se hai algo que me fai máis feliz que a rosca de Kopena Camos no nadal, é a torta de améndoa da miña avoa (creo que se pode ver na imaxe de onde me ven o de cociñar ao quilo). Dende que teño memoria, sempre me acompañou nos almorzos deses días de festa e celebración. E creo que, regresando a esa idea da felicidade da nenez que xa mencionei noutras ocasións, este era un dos momentos do ano no que acadaba o seu cumio.
Realmente resulta agradable mergullarse na memoria para rescatar estas lembranzas cálidas e reconfortantes. Aínda lembro con detalle a casa que tiñan meus avós. Podo imaxinarme sentado no repousabrazos do sofá xunto á cheminea, tan preto que sentía a calor das lapas na cara. E as chamas hipnotizantes cara as que podería quedar observando abraiado a noite toda.
E aí. Nas longas e frías noites de inverno, resgardado á calor do lume, coa familia reunida e o bandullo cheo. Aí era o neno máis feliz do mundo. E se non o era entón, daquela dou grazas á miña memoria por só gardar iso, e permitirme agora volver ser un rapaciño inocente e alegre.
Seica este semestre ando algo morriñento, será por iso que me deu polas receitas con máis significado emocional. Así e todo, ao contrario dalgunha das que publiquei, esta xa é máis elaborada, así que ben podería estar aquí por mérito propio. Realmente é unha delicia, tanto soa coma mollada no leite. Que ganas parvas de facelo agora. E que cara é a améndoa.
Ingredientes:
- 4 ovos
- 1/2 quilo de azucre
- 1/2 quilo améndoa moida
- Unha culleriña de lévedo Royal
- Oblea
- Manteiga (para a bandexa)
- Fariña (para que non se pegue a masa ás mans, asi que pode ser algunha sen glute coma a de arroz, con tal de que non saiba moito)
Elaboración:
- Nun recipiente grande mesturamos azucre, améndoa e lévedo. Engadimos os ovos batidos e amasamos ben (pero tampouco demasiado, que se derrete o azucre). Agora deixámola repousar un anaco.
- Pintamos lixeiramente (para non dar sabor) con manteiga unha fonte para forno. Poñemos a oblea e procedemos a poñer a masa:
- Para iso iremos facendo churros de 1 ou 1.5 cm de diámetro aproximadamente. Estes farémolos coas mans, non no mesado, e, entre cada un, debemos enfariñalas ben. Se aínda asi se nos pega moito, podemos pasar rapidamente o churro pola fariña.
- O xeito de colocalos é o seguinte: primeiro un ao longo de todo o bordo. Logo imos trazando raios ou diagonais. Os churros non deben quedar pegados, pois medran no forno.

- Deixamos repousar un chisco máis mentres quece o forno (180-200°C). Antes de metelo, cos dedos mollados en auga, beliscamos lixeiramente (no sentido do churro) a masa, repartíndoa un pouco.

- Despois de aproximadamente 20 minutos (cando comece a dourar-pardecer) retiramos, esparexemos o azucre e deixamos enfriar.
- Por último, desmoldamos coa axuda dun coitelo