Natillas de Turrón

– Mamá, mamá! Que rico está o turrón!
– Pois repite, fillo!
– Mamá, mamá! Que rico está o turrón!

FELIZ ANO!!! Realmente estou escribindo esta receita o 1 de xaneiro de 2024 ás 19 da tarde, despois dun horario de sono algo trastocado por algunha extraña razón. E aquí me atopo: en pixama, fronte ao ordenador, e sen duchar dende hai un ano. Dóeme algo o dedo corazón da man esquerda, porque onte nalgún momento dobreino dun xeito extraño. Así que agardo que apreciedes o esforzo que estou facendo en teclear toda esta cantidade innecesaria de texto. Máis innecesaria aínda tendo en conta que xa tiña unha receita progamada para hoxe.

Pero é que, dalgún xeito, sentíase mal só enviar un texto preprogramado (deus, cantos erres ten esa palabra) dende o ano pasado (lo pillas?), e sen nin sequera unha felicitación. E teño que aproveitar que comece o ano en luns, ou? Bom, agardo que vos prestasen as miñas receitas destes últimos meses, e que sigan facéndoo por moitos máis!

Para preparar isto, lin moitas receitas de natillas e varias páxinas de consellos e trucos para facelas perfectas. Tanto que me asustei e pensei que eran máis complicadas do que son. Que se che pode callar o ovo, que se unha proteína da xema pode interactuar co amidón, que se o azucre pode “queimar” o ovo se os mesturas con moita antelación… Non sei, ao final acabei facendo case todas as cousas que podian arruinar o prato e non pasou. Así que, tan complicado non é!

Os puristas dirán que só ten que levar xema, pero como non quería ter que usar 12 ovos, usei maicena. Ao final, o único importante é o turrón. Esta receita é ideal para aproveitar esa tableta que se abre e ninguén come, porque xa están todos cheos. E, aínda que no Nadal é a mellor altura para preparala, eu creo que entra ben en calquera momento do ano, pois é unha verdadeira delicia.

Ingredientes:

  • 1L de leite
  • 1 tableta de turrón brando
  • 4-6 xemas de ovo
  • 3 culleradas de azucre
  • 2-1 culleradas de maicena

Elaboración:

  1. Nunha pota, quentamos o leite co turrón cortado en anacos. Remexemos para que o turrón se disolva, e sen deixar ferver o leite. Se lle custa ou non temos paciencia, podemos usar unha batedora para integrar todo ben.
  2. Mentres quenta, mesturamos as xemas co azucre, batendo ben. E logo incorporamos tamén a maicena.
  3. Agora xuntamos todo ao leite. Removemos continuamente até que espese, acadando a textura desexada.
  4. Por último, só queda repartir en cunquiñas/vasos/tarros e poñer as galletas canto antes, para que humedezan ben. Arriba quedan máis vistosas, pero abaixo eu creo que gañan máis. Iso xa como cada un vexa!
  5. Cando arrefezan suficiente, levámolas á neveira, para que repousen como mínimo 2h antes de papalas.

Non esquezas que…

Hai mil opcións para decoralas, pero eu creo que a mellor é montar as claras que sobraron cun pouco azucre, e facer un merengue. Seica era o que facía a miña avoa, e realmente paréceme unha xenialidade.

Deixar un comentario