Un xefe indio vai de incursión guerreira contra os inimigos da súa tribo. Como vai ser unha expedición que durará varias lúas, deixa o seu fillo ao cargo do poboado. Cando volve:
– E dime, fillo, que ocorreu durante a miña ausencia?
– Oh, sabio e valoroso pai, teño noticias boas e malas. Cales desexas ouvir primeiro?
– Dime primeiro as malas.
– O home branco invadiu as nosas terras, e merodea polas pradeiras en mandas tan numerosas como as dos búfalos.
– Bosta sagrada! E as boas?
– Os brancos saben igual ca os búfalos.
Ole ole, seguimos coas Receitas dos Meus Amigos! Como sabedes (ou non) quero prepara-las receitas antes de publicalas. E como Carmen tivo a brillante idea de invitarme para cociñala, xa non tiven que supera-la preguiza que dá facer novas cousas. Así que, se queredes que publique a vosa antes, xa sabéde-lo que toca!
Carmen, ademais de ser un transformer, é unha amiga xenial. É unha persoa súper atenta e xenerosa, e creo que nada o simboliza mellor que o seu famoso: “queres?” cada vez que alguén propón o plan máis esquizofrénico xamais escoitado. Logo claro, pasa o que pasa, e acabas subindo ao Pedroso ás 6 da mañá para ve-lo sol nacer (spoiler: non dá saído porque hai nubes no horizonte e acaban todos morrendo de frío).
Este é un “Curry/Dahl de Lentellas Vermellas e Boniato“, o que pasa é que me quedaba o título moi longo, e decidín abrevialo. Segundo a autora, Dahl é o nome que se lle dá na cociña india aos pratos que se elaboran con legumes sen pel (que non requiren poñelas a remollo previamente). Ah, e é vegano e sinxeliño, marabilla!
E si, a receita é da India pero o chiste é de indios. Creo que xa explicara noutra anterior que hai poucos chistes sobre hindús, e opino que resulta moito máis gracioso deste xeito. Ademais de que por unha vez, en lugar de ser simplemente racista, fala sobre matar brancos. Que máis se pode pedir?
Hai outro detalle que vos quería contar. Explícoo despois da receita, pero se lestes con atención, seguro que algo xa notastes.
Ingredientes:
- 1 Cebola
- 2-3 Dentes de allo
- 1 Boniato grande
- 1 cunca/200g de Lentellas vermellas
- 200mL de Leite de coco
- Tomate triturado (opcional)
- Garam Masala (se non tes esta mestura de especias, podes substituíla engadindo comiño, noz moscada e pementa negra a ollo)
- Xenxibre (raíz ou en pó)
- Cúrcuma
- Curry
- Sal
- Arroz (para acompañar)
Elaboración:
- Comezamos picando a cebola e os dentes de allo e sofritímolos nunha ola co fondo cuberto de aceite a lume lento. Se temos raíz de xenxibre, tamén botamos un chisco neste paso.
- Simultaneamente poñemos a facer arroz noutra pota, isto supoño que non require explicación.
- Seguimos cortando o boniato en dados (non demasiado pequenos pero tampouco xigantes) e, unha vez a cebola estea torradiña, engadímolos á pota para sofritilos un par de minutos.
- Neste tempo engadímo-las especias. Van a gusto de cada unha. Eu (ela) boto un par de culleradiñas de garam masala, unha de curry, outra de cúrcuma e outra de xenxibre (se non llo botaches xa no primeiro paso, aínda que nunca é demasiado xenxibre). Ah, e mellor non esquece-lo sal. Podes xuntar un par de culleradas de tomate triturado ou fritido (opcional).
- Unha vez estea todo especiado, cubrimos con auga e cocemos uns 10 minutos a lume lento (isto non é obrigatorio, está comprobado que a lume vivo vale ben e para impacientes ou xente con présa vai mellor).
- Para finalizar, incorporamos agora as lentellas e o leite de coco. Deixamos cocer e logo de esperar arredor de 10 minutos, está a receita rematada con éxito 🙂
Isto non ten nada que ver coa receita pero, falando con Carmen, animoume a emprega-la segunda forma do artigo no blogue. Era algo que levaba tempo pensando se facer, dende que Roque me explicara a súa importancia. E é que, dende que a RAG dixo que o recomendable era non escribila pero que si hai que pronunciala, a xente nin a escribe nin a pronuncia. E paréceme super tráxico, porque cada vez se usa menos, e todo por normas estúpidas.
Así que, como neste espazo non recoñecémo-la autoridade da Real Academia Galega, a partir de agora, vou usala. Ou polo menos intentalo. É posible que nalgunha das receitas que xa está programada, me entre a preguiza e non as cambie. E dubido que cambie as que xa están publicadas. Que si, a min tamén me doe esa falta de coherencia. Pero é que me parece máis importante comezar a usalo, aínda que sexa así, a non usalo de todo.
Era só iso, por se vedes que escribo diferente, é por esa razón. Se queredes que explique mellor o tema ou se queredes comezar a usala pero non sabedes como se emprega, dicídeme, que eu encantado!

👏🏼👏🏼👏🏼
GústameGústame