– Que é o que queremos?
– Agora!!!
– E cando o queremos???
– Viaxes no tempo!
Paréceme fatal que ata hai cousa dun ano non coñecese a Jorge, podedes crelo? E tampouco sabía que chiste poñer até que lembrei que el mesmo me plastificara un! Que gran amigo é, e que marabillosa persoa. Obrigado por terme acompañado a tantos concertos este verán pasado, espero que no próximo sexan máis aínda, se é que é posible.
A verdade é que non sabía moi ben que lembranza reflectir nesta publicación, e repasando momentos á toa, recordei esta: unha das últimas noites antes de partir cara unha terra descoñecida a vivir emocionantes aventuras (o meu Erasmus en Lisboa), percorrimos Clara Campoamor xogando a darlle patadas a unha pedriña pequecha. Sempre a mesma (ou iso nos pareceu, vaia). E que ao cansar, decidín gardala e levala comigo até os confíns do mundo explorado (Monte da Caparica, 2825-023).
En canto á receita só podo dicir cousas boas. Nunca probara un pastel de pastor (Shepherd’s pie para os que non entendan grego) e que delicia. Non sei se é porque o fixen eu, porque era unha receita de Jorge, ou un pouco de todo. Sexa como for, é máis sinxelo do que parece e moito máis saboroso do que imaxinades.
Ingredientes (2 persoas):
- Carne picada 500g aprox (a versión vegana con soia texturizada queda ben)
- Catro patacas (ou cinco se son pequenas. En caso de dúbida cinco)
- Manteiga
- Leite
- 1 Cebola
- 1 dente de allo
- 1 Cenoria
- Champiñóns
- Viño Branco (medio vaso)
- Ourego
- Tomate triturado (1 bote)
- Azucre
- Sal
- Pementa negra
- Aceite de oliva
Elaboración: (2h máis ou menos (pode facerse en 1h30 pero eu (Jorge) son lentísimo cociñando))
- Picámo-la cebola e a cenoria. Sofritímolas nunha tixola grande cun pouco de aceite. Despois duns dez minutos a lume baixo, botámo-lo allo.
- Engadímo-los champiñóns (isto é opcional, pero quedan ben) e subimos a lume medio. Cando estean cociñados xuntámo-la carne picada. Botamos un pouco de ourego e, cando a carne estea máis ou menos feita, botámo-lo viño branco.
- Quentamos auga nun cazo e cocémo-las patacas peladas. Agardamos a que estean bastante brandas porque son para puré.
- Na tixola, baleirámo-lo bote de tomate triturado e botamos unha cullerada de azucre (culler de sobremesa). Vertemos tamén medio vaso de auga quente. Deixamos a lume medio, e imos remexendo. Salpimentamos ao gusto.
- Ola Artur (Ola Jorge).
- Seguimos así ata que a carne con tomate estea suficientemente espesa (eu (el) a medida que uso é separar cun pau de cociña o líquido do fondo e ver que o líquido tarda un pouco en voltar a ocupar esa superficie, ten que quedar unha pasta). En calquera momento podemos rectifica-lo sal e as especias.
- No cazo coas patacas, coa auga baleirada, botamos unha cullerada de manteiga (culler de sobremesa tamén). Machacamos. Botamos un pouquiño de leite, e machacamos. Alternamos deste xeito ata que queda puré mazacote, non líquido.
- Sobre un recipiente para forno repartímo-la carne con tomate primeiro, e logo o puré por enriba, cubrindo toda a carne. Teñen que quedar dúas capas diferenciadas.
- Metemos no forno e cociñamos por arriba e abaixo durante 30min a 180°C (ou por aí, a cociña non é unha ciencia exacta. Mira que doure a capa de puré).
- Listo 👍.

Coma sempre, un bo chiste e unha gorentosa receita 😋
GústameGústame
Wowowow que honra!
Quérote moito 🫂
GústameGústame