– Oes, a ti gústanche as fabas con xamón?
– Pois claro, e sen fabas tamén!
Lucía é unha grande amiga, e, entre as súas boas cualidades, eu diría que destaca a súa paciencia (comigo). E, aínda que cando a coñecín, case non cociñaba, agora xa o fai mellor ca min!1 Agardo poder contar coa sua amizade por moitos máis anos, até que o PSOE sexa de esquerdas. Ola Lucía, grazas por tanta paciencia, e aquí vai a túa receita.
Non sabía que lembranza escoller, así que decidín poñer unha que nunca aconteceu: Cando ía pasar por Viveiro a visitar e subir ao San Roque. Pero pillou a covid e tivo que quedar na casa, xa lle vale!
A verdade é que na miña casa moitas fabadas non se facían, e supoño que por iso nunca intentara facer unha. E realmente non é nada complicado. Ao final é poñer unhas cantas cousas nunha pota e agardar, non ten perda.
Ingredientes:
- Fabas
- 1 cebola
- 3-4 dentes de allo
- 1 pataca
- Touciño, chourizo e morcilla
- Pimentón, sal?
Elaboración: (faba tenra: 1.5h – 2h. faba dura: 2h – 3h).
- Deixámo-las fabas a remollo toda a noite.
- Nunha pota poñémo-las fabas e cubrimos con auga. Cando ferva:
- a) Escorrémo-la auga, botamos auga fría e volvemos poñelas a ferver.
- b) Ou sacámo-la escuma e botamos unha pouca auga fría.
- Picamos unha cebola ben finiña e 3-4 dentes de allo.
- Desde o segundo fervor, baixámo-lo lume e botámo-la cebola, o allo e o touciño (lume medio, ao 2).
- Aos 40 minutos, aproximadamente, engadímo-lo chourizo e unha pataca en dados.
- Aos 60 minutos, máis ou menos, engadímo-la morcilla e o pimentón (podemos escoller entre botar unha cullerada ou facer un refrito coa cebole e o allo e xuntalo).
- Terminamos de cocer a lume medio-baixo até que estea feito. Non teñades présa a non ser que bos guste comer fabas crocantes hehe.
NOTAS:
- Este recurso literario chámase hipérbole. Ninguén cociña mellor ca min, só estaba sendo majo. Non significa que Lucía non cociñe moi ben eh, era só matizar. Tampouco hai que pasarse. ↩︎

Sempre gozo lendo as túas receitas e se, ademáis, veñen acompañadas dunha boa nova da prensa rosa, que máis se pode pedir…?
GústameGústame